As regras do xogo

As regras do xogo

Belén López, PSOE da Estrada

O deporte é a actividade física, organizada ou informal, que busca mellorar a condición física e mental, fomentar relacións sociais ou acadar resultados nunha competición.

O Grupo Municipal Socialista levamos tempo dicindo que hai que fomentar o deporte entre os veciños e veciñas do concello, non só co deporte federado senón tamén facer chegar a xente a través de charlas en asociacións, de falar cos centros de saúde para que prescriban deporte a todas as idades. O noso modelo é o de Deporte para todos, sen importar idade, capacidade física ou condición económica.

Hai un ano levamos a pleno unha moción na que se propoñía a construción dunha pista de petanca na Praza da Feira. Agora mesmo é un espazo desaproveitado que se dinamizaría con esta instalación, habería actividade máis alá dos días de Feira.

Ademais diso, sería unha instalación deportiva para maiores e novos, daría a posibilidade de practicar este deporte e axudaría a evitar a soidade, depresión, enfermidades mentais, e crearía unha comunidade. Axudaría a facer Concello, a que nos relacionemos máis.

A moción foi apoiada por todos pero quedou en nada (como case todo con este goberno).

Piscinas municipais // PSOE da Estrada

Tampouco podemos pasar por alto o que acaba de pasar na piscina municipal. Os actuais gobernantes falan de que somos a capital do deporte (jaja) e despois cortamos unha piscina pola metade evitando que certas competicións se poidan celebrar na Estrada. Nós non cremos que o problema técnico fora insalvable no ano 2025, e co custe de 500.000 euros.

Di o goberno que somos a capital do deporte porque temos unhas pistas de atletismo que están infrautilizadas. Os clubes de atletismo sufriron o indecible para telas, pero agora que? Xa volo digo eu, neste 2025 acolleron a súa primeira (e última) competición ata o momento: o campionato provincial de atletismo en pista alevín. Convido ao lector a que busque en Google “Pistas de atletismo A Estrada” para ver que o único que aparece é a propaganda do PP.

Menos mal que o PP acolleu a nosa proposta de abrilas ao público e deixar que os veciños e veciñas accedan a elas libremente. Se as pecharan a cal e canto como pensaban facer, xa estarían en estado de ruína.

O deporte nas instalacións deportivas de algúns colexios é practicamente imposible, como no caso do Pavillón do CEIP Pérez Viondi, cunha filtración de auga dende hai máis de 10 anos, ou o mal estado dos pavillóns de Codeseda, Foxo e Oca.

Praia Fluvial // PSOE da Estrada

Para rematar deberiamos ter unha verdadeira “praia urbana”, a Praia fluvial de Liñares queda á sombra da Praíña, que está ao límite da súa capacidade e é normal vendo como está unha e como está a outra. Por que non fan algo por mellorar esta Praia cando aínda quedan 15 anos de concesión para o Concello? Para tela como a teñen, era mellor que lla devolveran á Sociedade Río Ulla, o Concello tena peor que nunca.

O actual Goberno di que non fai nada en Liñares porque non hai subvencións públicas ao non ser unha instalación municipal, está alugada. É unha escusa difícil de entender porque iso de que non hai financiamento non é certo. Aínda así, se compraramos o argumento do PP, para que asumiron a responsabilidade da Praia Fluvial entón? Imos seguir deixando que se deteriore os 15 anos que quedan?

Como ideas de deporte que se podería practicar na Praia Fluvial, nós propoñemos aquagym, vólei praia, tenis praia, ioga, relaxación, ximnasia ao aire libre… incluso clases de pesca! será por actividades que lle poderían dar máis contido a esa instalación!

Di este Goberno que A Estrada é a capital do deporte. Dicilo é moi sinxelo, pero vendo como teñen todo… vese que facelo lles está sendo moi complicado. Nós seguiremos facendo propostas, porque o deporte para todos ben o merece.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixar un comentario