Na tarde deste luns coñeceuse o fallo do xurado do XXIX Premio de Poesía Avelina Valladares, convocado polo Concello da Estrada. Foi o alcalde, Gonzalo Louzao, o encargado de abrir a plica, tras a reunión que mantivo o xurado para escoller a peza gañadora, presentada baixo o lema “Anise K”. O poemario resultou ser da autoría de Rafael Vilar González, co título Ferida aberta.
O xurado, formado por Xoán Carlos García Porral, María Neves Soutelo Vázquez, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea e exercendo Dolores Araújo Arias de secretaria, escolleu esta peza entre as 39 presentadas pola súa calidade literaria, pois “a través da sinxeleza dos seus versos, consegue construír un universo poético íntimo e delicado, evocador e cheo de matices”. “Composto de coidadas imaxes, o poemario transita pola dor e a esperanza, o amor, a perda, as luces e sombras do cotián, creando para quen le esa fonda necesidade de tocar a terra”, argumentaron.
Rafael Vilar xa foi informado do fallo do xurado e recibiu os parabéns. A sona do poeta remóntase aos inicios da década dos noventa, cando gaña o premio de poesía Fermín Bouza Brey para autores novos. Tras este galardón foron chegando moitos outros para este escritor de Cee.
As bases do certame poético recollen que tanto o tema como a forma dos poemarios poden ser libres, coa condición de que teñan entre 300 e 800 versos. O premio é de 2.000 euros, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. Entregaráse nun acto público que coincidirá, cara remate do ano, coa publicación da obra no marco da Festa da Poesía
Imaxe de portada: o xurado do Premio Avelina Valladares co alcalde // Concello da Estrada


Deixar un comentario