O pasado sábado Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, denunciaba a falta de servizo de socorristas na praia fluvial de Liñares e afirmaba que nun pleno o alcalde mencionou que non tiñan obriga legal de ofrecer dito servizo. Reices asegurou que, aínda que non fose obrigatorio, “non exime o concello da súa responsabilidade de velar pola seguridade da veciñanza, e máis cando é un servizo que si se ofrece na páxina web do concello para esta praia”.

Ismael Pena, concelleiro de Deportes, quixo saír ao paso das acusacións do nacionalista, acusando ao partido de manipular e terxiversar a información. Un dos argumentos que empregou está relacionado coa imaxe dos carteis informativos que hai na entrada do espazo, pois nos medios de comunicación só apareceu o que se colocou antes de que a praia abrise oficialmente aos bañistas e que delega neles calquera responsabilidade (o primeiro que se pode ver na imaxe anterior).
Aclaración
A imaxe anterior é a que se enviou aos medios. Unha práctica habitual nos medios de comunicación – entre os que nos incluímos – é recortar as imaxes que nos chegan en formato vertical para adaptalas a un máis horizontal, que é o que, normalmente, mellor ensina o momento fotografado (por exemplo, se temos un evento no que se presenta algo, co formato horizontal podemos ensinar ás persoas que participan no acto e o que se presenta, mentras que co formato vertical posiblemente nos sobre demasiado espazo na parte superior e na inferior e non se poidan ver tan ben).
Neste caso, o BNG empregou, tanto na nota de prensa publicada na súa web coma nas redes sociais, os dous carteis inferiores. No terceiro lése que, fóra da tempada de baño – os meses de xullo e agosto – a responsabilidade á hora de bañarse vai ser do bañista.
Pena aclarou que “houbo servizo de socorro todos os días de xullo e agosto na praia fluvial, dende as 15.00 ata as 21.00 horas” e que se prestou de xeito ininterrompido, pois a Praia de Porta Pousada – como tamén é coñecido este espazo – abre todos os días da semana.
En relación ás declaracións no pleno, Pena comentou que hai que remontarse ata maio para contextualizar estas palabras, pois o rexedor estradense díxolle ao voceiro nacionalista que, aínda que non existe obriga legal, durante os meses de xullo e agosto prestaríase o servizo de socorrismo na praia fluvial.
Remate da tempada de baño
Coincidindo co final da tempada de baño, este luns colocáronse no recinto da praia fluvial carteis informando de que xa non hai servizo de socorrista e nos que se recomenda aos bañistas que teñan precaución á hora de meterse no río e que será sempre baixo a súa responsabilidade.
Imaxe de portada: cartel instalado este luns // Concello da Estrada


Deixar un comentario