O ciclismo regresará ás rúas da Estrada e de Cuntis da man da Volta a Galicia. Na presentación da proba, celebrada esta mañá, desvelouse que parte da segunda etapa pasará por estas localidades.
A etapa, de 142 quilómetros, celebraráse o venres, 12 de setembro, e terá como localidade de saída e de chegada a Caldas de Reis. Desde alí partirán dirección Cuntis e continuarán ata A Portela, onde comezará o ascenso ao Alto da Cruz, un porto de montaña de terceira categoría. Xa na vila da Estrada, a Avenida Benito Vigo acollerá un sprint intermedio. Despois, continuaráse pola Rúa Pérez Viondi e pola EP-7001 ata Codeseda, onde seguirán dirección Campo Lameiro.
Tras pasar por esta localidade, ascenderáse o Portillón do Castro, de 3ª categoría, e pasaráse por Barro e pola meta, onde haberá un sprint intermedio. En Ribadumia haberá outro sprint intermedio e, posteriormente, subiráse o Monte Lobeira e Pousadoiro, ambos de terceira categoría.

Primeira oportunidade para os favoritos
Esta segunda etapa será a primeira oportunidade para os favoritos para ensinar as súas cartas. A etapa anterior será unha loita contra o crono individual. Os seus 7 quilómetros serán perfectos para os especialistas desta especialidade. Celebraráse en Ribadumia.
A terceira etapa (147km) será a raíña, con saída e chegada en Barreiros. As montañas da Mariña lucense serán as protagonistas. Os ascensos a Marco de Álvare (3ª), Augaxosa (2ª), Fornea (2ª) e Monte Comado (2ª) poderán decidir a carreira.
No caso de que aínda non quede completamente decidida, a cuarta etapa (130km, Ferrol – Autoridade Portuaria de Ferrol) definirá a clasificación xeral final. No inicio da etapa ascenderáse a Moeche (3ª) e, nos últimos 55 quilómetros daráse dúas voltas a un circuíto que inclúe a subida á Bailadora (3ª).
Imaxe de portada: paso do Gran Camiño pola Estrada // O Gran Camiño

Deixar un comentario