A Noite Folk marcará o inicio das festas de San Xurxo de Vea

A Noite Folk marcará o inicio das festas de San Xurxo de Vea

Esta fin de semana San Xurxo de Vea estará de festas na honra das Virxes do Carme e das Dores. Pero antes, celebraráse a XII Noite Folk, que xa se convertiu nun evento marcado no calendario festeiro estradense.

A Noite Folk celebraráse o venres 5. Ás 20.00 horas haberá un obradoiro de baile a cargo de Javier Sanmartín. A foliada comezará ás 21.00 horas, con Lina e Lola, 7 Ferrados, Comando Curuxás e Xurxo Fernandes. Tras isto haberá unha foliada aberta. Tamén terán unha zona de xogos para os cativos, polbeiras e zona de acampada.

O sábado honraráse á Virxe do Carme cunha misa ás 13.00 horas cantada polo Coro Parroquial de San Xurxo de Vea. A sesión vermú correrá a cargo de Gaitas Os Pereiriños. A partir das 17.30 horas haberá inchables gratuítos para os pequenos da casa e, á noite, a verbena estará amenizada por Carlos Mariano, co seu espectáculo Las canciones de tu vida, e Bela & Charlo. Dende as 23.00 horas serviránse racións de aliñas de polo por un prezo de 1 euro.

O domingo homenaxearáse á Virxe das Dores. Ás 13.00 horas oficiaráse unha misa solemne e, ao remate, a Banda de Música Cultural da Estrada amenizará a sesión vermú.

Comentarios

Deixar un comentario