Técnicos do Servizo Agrario Galego (Seaga) están a realizar inspeccións en 30.000 parcelas que se atopan dentro da faixa de protección de núcleos rurais para comprobar o grao de execución dos labores de limpeza.
Aínda que en xaneiro se enviaron 10.000 requerimentos de intervención – derivados da inspección desas 30.000 parcelas – que tiñan como data límite o 31 de maio, aínda non se realizaron as inspeccións pertinentes.
Segundo lle trasladaron ao alcalde da Estrada desde o Seaga, aos propietarios que non realizaron as limpezas enviaráselles un novo requerimento, cun prazo máximo de execución de 15 días. No caso de non cumprilo, haberá sancións.
Gonzalo Louzao recomendou aos cidadáns que reciban o novo requerimento que o cumpran, pois o prazo non é prorrogable. “Somos conscientes de que se fixo unha limpeza moi importante”, asegurou. Comentou que esta nova rolda de inspeccións ofrecerán unha visión fideligna do estado das fincas, pois o Seaga, nos seus informes, detalla todas as actuacións necesarias.
Chegada gradual
O mandatario estradense informou de que solicitou que, durante as inspeccións, estean presentes técnicos do Concello para así, cando os cidadáns se dirixan ao consistorio – que de ben seguro que o farán – ter coñecemento en primeira persoa da situación.
Tamén avanzou que, desta volta, a chegada das notificacións faráse de forma gradual. Ademais, quixo poñer o foco na “importancia e utilidade de chegar ao verán coas vivendas e as persoas protexidas” e en que “houbo unha porcentaxe importante de limpezas que non se terían feito” de non terse feito esta novidosa campaña de inspeccións.
“Sabemos que houbo unha mellora substancial. Coido que se fixeron ben as cousas cando había que facelas”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
“A aposta polo rural non é só rozar as cunetas; esta aposta esixe unha colaboración público-privada”, remarcou Louzao e comentou que, tras rematar o prazo da primeira notificación, deixouse pasar o período estival polo elevado risco de incendio.

Deixar un comentario