O Concello da Estrada vai renovar de forma inminente os farois de catro rúas céntricas do casco urbano estradense, sendo estas as rúas Ulla, Calvo Sotelo, Justo Martínez e Ruela da Fonte.
Comezando polas rúas Ulla e Calvo Sotelo, as que conforman o paseo peonil entre a Porta do Sol e A Farola, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, apuntou que “imos reformalas, a fixar os dous eixos, a parte superior e o pé do farol para que non se produzan xiros dos distintos elementos”. De estética singular, os farois serán lixados e pintados.
Na Rúa Justo Martínez as tarefas faránse no treito comprendido entre o entronque con Calvo Sotelo e a Praza da Constitución. Alí, os diferentes puntos de luz tamén serán restaurados.
Por último, na Ruela da Fonte sufrirá un cambio semellante ao que viviu en xuño a Praza da Inmaculada, na que se restauraron os pés e se incorporaron novos báculos ornamentais que teñen unha maior potencia lumínica. No caso da travesía que une a Rúa Irmáns Valladares coa Manuel García Barros, substituiráse a parte superior dos seis puntos de luz existentes, ademais de restaurarse os pés.
Imaxe de portada: farol na Rúa Calvo Sotelo // Concello da Estrada


Deixar un comentario