O Estradense quedou eliminado este mércores da Copa Federación no último minuto da prórroga. Un partido no que os roxillos loitaron ata o final para impoñerse nun partido histórico. Este era o penúltimo paso para poder xogar a Copa do Rei.
No minuto 7 o Bergantiños adiantábase co gol de Isma Cerro. O Estradense soubo repoñerse do golpe e no minuto 19 Brais Vidal servía o empate. Na segunda parte os intentos dun e doutros non chegaban a converterse nun gol.
No 90 os equipos xa se vían na prórroga e o Estradense facía os cambios. Saíron Ian e Raúl Gómez e entraron Miguel e Gerard Puerto. Un dos xogadores máis destacados foi o porteiro do Estradense, Isra, con grandes paradas ao longo do partido.
O Estradense facía un novo cambio para comezar a prórroga, saíndo Dani Varela e entrando Hugo Padín. O Bergantiños comezaba intentando impoñer a súa lei. No 104 Tass (Bergantiños) recibíu un cartón amarelo tras empurrar a un dos do Estradense.
Ao pouco de comezar a segunda parte da prórroga o Bergantiños tivo unha oportunidade moi clara de gol tras un erro defensivo do Estradense. Pedrosa recibía un cartón amarelo cando xa se comezaba a cheirar os penaltis. No 113 o Estradense tivo unha ocasión a porta baleira cando o porteiro do Bergantiños estaba na metade do campo e, desde o terreo do Estradense, un dos roxillos lanzou a portería, pero non conseguía entrar.
Manuti sacaba a Rodri e entraba Hugo López. No 121 cunha man pitada polo árbitro facía que o Bergantiños marcara o gol decisivo.

Deixar un comentario