Arranxan unha pista entre Requián e Santo André de Vea necesaria para a prevención de incendios

Arranxan unha pista entre Requián e Santo André de Vea necesaria para a prevención de incendios

Tamén se actuará en Pardemarín e Souto

O Concello da Estrada e o Servizo de Prevención de Incendios da Consellería de Medio Rural en Pontevedra colaboran no arranxo dunha pista forestal que une os lugares de Requián e Casalpaio (Frades) co de Paramá (Santo André de Vea). Construída hai case 30 anos pola Consellería de Medio Rural, é necesaria para a prevención e extinción de incendios forestais.

Esta pista foi creada en 1996 coa intención de que puideran pasar os servizos de emerxencias no caso de producirse un incendio forestal e, á vez, que permitise a limpeza do monte. Porén, as sacas de madeira e as escorrentías deixárona prácticamente impracticable. Por iso, estánse arranxando cinco quilómetros dela.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, supervisou as obras e detallou que Medio Rural aporta a maquinaria bulldozer, mentras que o Concello será quen faga o resto dos traballos. “É unha obra pedida polos veciños e moi necesaria para arranxar unha pista que se atopa realmente en moi mal estado. A superficie está moi degradada e non sería posible, se se producira un incendio, o paso dos medios de extinción”, asegurou. “Este camiño foi construído por Medio Rural como unha pista de seguridade no ano 1996 e queremos devolverlle esa utilidade”, engadiu.

Chegarán a máis parroquias

Incendio en Souto en agosto // Concello da Estrada

Na tarde deste venres o alcalde e o ente provincial mantiñan unha reunión na que acordaron ampliar a colaboración a máis pistas forestais. Deste xeito, ao remate dos traballos entre Frades e Santo André de Vea, actuaráse en Pardemarín e en Souto.

No caso de Pardemarín, será no lugar de Parada, onde existe unha pista que, amais de servir de vía de acceso ás parcelas de monte, chega ata un pozo de captación de auga que empregan os servizos de extinción.

Na parroquia de Souto atenderánse as demandas veciñais, que sinalan problemas de accesos en mal estado. Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto rexistrouse nesta parroquia un incendio forestal que calcinou 28 hectáreas.

Imaxe de portada: Louzao supervisa os traballos // Concello da Estrada

Comentarios

One response to “Arranxan unha pista entre Requián e Santo André de Vea necesaria para a prevención de incendios”

  1. Avatar de Éxito da Feira do Moble, queixas nos colexios e López Campos deixa a dirección do PP local – Xornal da Estrada

    […] Máis info Traballos na pista entre Requián e Santo André de Vea // Concello da Estrada […]

    Gústame

Deixar un comentario