Os empresarios estradenses souberon agardar durante anos pero, coa autovía e a ampliación do polígono de Toedo, chegou o seu momento. O de todos os estradenses.
Gonzalo Louzao, PP da Estrada
A Estrada e os seus empresarios souberon agardar. A reflexión compartírona días atrás os industriais do polígono de Toedo durante a visita da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Escoiteina, interioriceina e ratifiqueina, porque non pode ser máis certa. Tanto como a seguinte que fixeron: chegou o noso momento.
Anos atrás, a patronal estradense peregrinou a Santiago ou Pontevedra en máis dunha ocasión, levando baixo o brazo unhas peticións que entendían fundamentais para que as súas industrias puidesen ser competitivas. Demandaban ás administracións o que é de
xustiza: unhas comunicacións á altura dun municipio cunha situación xeográfica
estratéxica, cun tecido económico que traballa para tirar proveito desta localización e que é consciente de que, nun mundo que parece xirar cada vez máis rápido, un non debe -nin pode- quedar ancorado.
Pedían tamén os nosos empresarios solo público no que poder medrar, sabedores de que facilitar o asentamento de novas empresas ao seu carón é clave para que A Estrada prospere. A competencia ben entendida sempre resulta revitalizante.
Sucesivas circunstancias conmináronos a agardar. E iso fixeron. Pero agora é o seu momento. O de todos os estradenses. A Xunta de Galicia está apostando para que así sexa, en primeiro lugar coa prolongación da autovía AG-59, que chegará aos pés do noso principal parque empresarial e fará que as industrias nel asentadas teñan saída áxil cara a capital galega, cara o aeroporto ou cara a estación de tren, mellorando tamén os enlaces por vías de alta capacidade cara outras cidades, caso da Coruña ou Ferrol, por exemplo, a través da conexión directa da AG-59 coa AP-53 e a AP-9.
Pero, ademais, a visita de María Jesús Lorenzana á sede da ACE veu definir e asentar o horizonte para que o polígono de Toedo se expanda por iniciativa pública, incrementándose case nun 80%. A conselleira respondeu a todas as dúbidas do empresariado, expoñendo que este é momento de definir como será esta expansión a través das súas demandas de solo. É un polígono á carta, de especulación cero. Este é -tamén- o momento de apostar pola Estrada para consolidarse ou asentarse. Este, non outro. Hoxe mellor que mañá.
Solo industrial, comunicacións e vivenda conforman a pedra angular para o futuro da Estrada. Son a chave para poder afrontar o reto demográfico que temos por diante. Se queremos que haxa demanda de vivenda, se pretendemos que novos veciños escollan A Estrada para vivir ou que os estradenses poidan construír vida no municipio no que naceron, ten que haber oferta laboral. É por iso que a ampliación do noso polígono industrial resulta fundamental para nós. Temos que responder á demanda daquelas empresas que necesitan medrar e tamén á daquelas que amosan interese por asentarse na Estrada. Non podemos perder esta oportunidade.
Dúas orellas, unha boca
Sempre digo que temos dúas orellas e unha boca, unha metáfora de que debemos escoitar o dobre do que falamos. E nesta recente reunión coa conselleira de Economía e Industria tamén se deixou escoitar un clamor. E é de vello, non pensedes. Os empresarios da Estrada urxen a circunvalación da N-640, a famosa variante da Estrada. Somos, xunto con Ponteareas, o único núcleo de poboación de gran tamaño atravesado de norte a sur por unha estrada nacional.
É un atranco, nun sentido amplo do termo. A industria e os estradenses precisan que o Goberno Central escoite. Xa non podemos esperar máis. Por seguridade e oportunidade, a variante é unha absoluta necesidade do municipio. Pero seguimos sen noticias. Está claro que non hai maior xordo que o que non quere escoitar. Non nos queda outra que seguir berrando á par. Ben alto.
É o noso momento. A Estrada move ficha. E, sen necesidade de comer a ninguén, tócanos avanzar 20.

Deixar un comentario