As rebaixas de prezos na Feira do Moble amplíanse ata o 70%

As rebaixas de prezos na Feira do Moble amplíanse ata o 70%

Esta fin de semana os prezos dalgúns dos produtos que se amosan na Feira do Moble baixarán aínda máis. Se os descontos ofrecidos durante as dúas primeiras xornadas chegaban ata o 60%, tanto o sábado coma o domingo poderán rebaixarse ata o 70%. Deste xeito, o visitante pode facerse con colchóns e sofás dende 190 euros.

Entre as 50 firmas expositoras, atópanse os colchóns de moi alta calidade da firma compostelá Nozzeo Descanso. Os seus colchóns superan os 20 anos de durabilidade e personalízanse a partir dun estudo antropomédico previo que permite correxir problemas lumbares e cervicais dos usuarios.

Tamén sobresae a oferta de pequenos e grandes electrodomésticos de Hoover, Candy, Cecotec, Nevir, Samsung, Hisense ou Haier, entre outras marcas.

O Recinto Feiral estará aberto de 11.00 a 20.00 horas. O domingo, última xornada da mostra, celebraráse o sorteo dos numerosos premios da actual edición da Feira do Moble.

Charla sobre FP

Noutra orde das cousas, este venres case un cento de estudantes de bacharelato asistiron á xornada formativa “A formación profesional ábreche as portas a un futuro de éxito”. Impartida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permitiu coñecer as vantaxes desta alternativa formativa e a alta demanda de perfís formados nela.

Xornada formativa sobre FP // cedida

Imaxe de portada: colchóns na Feira do Moble // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario