A Policía Local ten identificadas a cinco persoas en relación aos actos vandálicos que na noite do sábado ao domingo se cebaron co mobiliario do casco urbano estradense. O atestado remitiráse ao Xulgado de Primeira Instancia e á Ficalía de Menores, pois un dos identificados é menor de idade.
O xefe da Policía Local informou do avance da investigación ao alcalde Gonzalo Louzao. Varias testemuñas presenciaron os feitos e, a falta de coñecelo con maior detalle, os danos rondan os 12.000 euros. Dado que a contía supera os 400 euros, constitúe un delito.
O suceso máis rechamante tivo lugar na Rúa Calvo Sotelo. Alí tombaron e esnaquizaron a pantalla tipo tótem que empregaba a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) para publicitar o comercio local. Ademais, contabilízanse importantes danos na fonte da Porta do Sol, nun pivote luminoso na Rúa do Cruceiro e en diversas árbores e xardineiras. Estes últimos sufriron os actos dos vándalos pouco tempo despois de ser repostas as plantas.
Agora, a investigación terá que determinar o grao de implicación nos feitos dos cinco identificados pois, que estean identificados, non quere dicir que sexan os autores materiais dos danos.
“Non pode haber un policía en cada esquina”
“A Policía Local fixo o seu traballo”, apuntou este luns Louzao, quen lembrou a importancia das testemuñas, que poden contribuír a que os responsables dos danos ao mobiliario público respondan polos seus actos. “Sería un delito de danos graves polo seu importe”, sinalou o rexedor e non ocultou que estas actitudes “entristece moito aos que queremos ter unha vila tranquila e embelecida”.
Este suceso reabriu un debate que se leva producindo durante varios anos no concello: a ausencia do turno de noite da Policía Local.
“Evidentemente, non hai nin pode haber un policía en cada esquina e momento e todos precisamos colaborar para que poidamos ter unha vila tranquila e coidada, procurando que estes actos non se repitan e estas estampas poidan quedar no anecdótico”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
Imaxe de portada: panel da ACOE tras ser vandalizado // cedida

Deixar un comentario