José María Vila Alén: “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería plena”

José María Vila Alén: “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería plena”

Galicia e Arxentina non se entenderían sen a emigración. Na maioría das familias galegas coñécese a alguén que marchou na procura dunha vida mellor. Na Estrada, un dos casos é o de José María Vila Alén, quen naceu en Frende (Vinseiro) e quen é o actual presidente do Centro Galicia de Bos Aires.

Vila Alén, xunto coa súa dona e o politicólogo Víctor Vázquez Portomeñe, foi recibido este xoves no Concello da Estrada polo alcalde Gonzalo Louzao. Un alcalde ao que cualificou de “novo e eficiente”.

Manifestou a ledicia que supón para el visitar o seu concello natal. Vila. “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería plena. É para min unha renovación para continuar o camiño de poñer a Galicia no máis alto”, asegurou.

“Estou feliz de estar nesta casa, que é a miña casa dende que nacín. A primeira vez que abrín os ollos, a primeira vez que dixen algo ou me choraron os ollos foi na Estrada. É a miña orixe e aquí estou orgulloso e feliz”

José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia de Bos Aires

Tamén recordou que “hai datos identitarios da Galicia de hoxe que non se entenderían sen a emigración, dende o himno ou a bandeira, ata o Sempre en Galiza de Castelao ou a mesma Rianxeira”.

Portomeñe manifestou o “pracer” que supón para el estar na Estrada e a “gran alegría” que sente por atoparse a Louzao na “mesa dos tormentos”. “Porque é onde hai que escoitar aos veciños”, explicou. “Sei que o fas porque es un alcalde eficaz, amable e atento, un alcalde para moito tempo, espero e desexo”, díxolle ao rexedor. Quixo lembrar que ten unha gran vínculo co concello, pois foi Salmón de Ouro e pregoeiro da Festa do Salmón.

Pola súa banda, Louzao loou o Centro Galicia de Bos Aires por ser “un referente da colectividade, a cultura e o idioma galego; da importancia que ten Galicia nesta quinta provincia”. Tamén sinalou que Vila Alén “marchou sendo moi novo pero sempre que pode vén visitar Galicia e traballar para que á colectividade galega en Arxentina nunca lle falte nada; para mirar pola colectividade estradense e visitar aquí aos seus veciños”.

“A Estrada ten 51 parroquias pero visitando aos estradenses afincados no país arxentino temos que dicir que son 52 as parroquias que nos representan. Aínda que estean moi lonxe están moi preto das nosas tradicións, da nosa cultura e do noso concello”, engadiu Louzao.

Imaxe de portada: recepción de José María Vila Alén // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “José María Vila Alén: “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería plena””

Deixar un comentario