Reices volve reclamar o expediente que avalou a destrución da illa da praia fluvial

Reices volve reclamar o expediente que avalou a destrución da illa da praia fluvial

Critica que aínda non lle fose entregada a información

O voceiro do BNG na Estrada, Xoán Reices, reclamou o expediente que tería autorizado a destrución da illa natural que tiña o Río Liñares na zona da praia fluvial. “Queremos saber con que permisos se fixo, se o alcalde era consciente do impacto que ía ter e se Augas de Galicia tiña coñecemento desta actuación”, asegurou Reices.

Esta é a segunda ocasión na que fan esta solicitude, sendo a primeira no mes de xuño. Asemade, critica a tardanza á hora de entregar a documentación que tería avalado, en palabras do nacionalista, a “desfeita medioambiental e patrimonial” que se fixo.

“A ocultación ou demora á hora de facilitar información só incrementa a sospeita de que o goberno non actuou con transparencia nin dentro da legalidade”

Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada

Para o nacionalista, a destrución desta illa natural supón un atentado contra un espazo de gran valor ambiental e social. “É inconcibíbel que se poida actuar con este desleixo e impunidade sobre un entorno de lecer e esparexemento tan especial para os nosos veciños e veciñas”, afirmou.

Ademais, lembrou que, o que xa bautizou como “goberno Terminator”, xa ten destruído espazos naturais. “Hai dez anos fixeron o mesmo coa praia fluvial de Barcala, situada en plena Rede Natura 2000”, comentou.

Imaxe de portada: zona na que se atopaba a illa // BNG

Comentarios

Unha resposta a “Reices volve reclamar o expediente que avalou a destrución da illa da praia fluvial”

Deixar un comentario