A Xunta de Goberno Local da Estrada vén de aprobar este luns o inicio do expediente de contratación das obras do Plan Camiña Rural 2025, financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Nesta ocasión, os 159.641 euros deste plan destinaránse ao asfaltado de tres vías en Codeseda e Ribela.
Elixíronse tres camiños que teñen un pavimento con fochas e unha alta fisuración, algo que afecta á impermeabilidade do mesmo e permite a entrada de auga nas explanadas, poñendo en grave risco á estrutura. De feito, a actual capa de rodadura non cumpre cos requisitos de regularidade, macrotextura e rozamento, o que conleva un grave problema de seguridade.
Unha das vías beneficiadas será a que une o lugar da Igrexa (Ribela) co do Arnado (Codeseda). Neste camiño xa se teñen feito bacheos, pero continuou deteriorándose, polo que se vai facer unha actuación de maior envergadura. Vaise practicar un aglomerado en quente tras limpar os foxos e varrer a superficie.

Nun dos ramais deste camiño, concretamente un que atravesa Trabadela (Ribela) tamén se fará unha limpeza dos foxos, varrido superficial e firme a base de aglomerado en quentes, con rega de adherencia. Esta mesma actuación realizaráse na Portela, en Codeseda.
Para a realización do pavimentado será necesario pechar ao tráfico as vías durante toda unha xornada, polo que se establecerán camiños alternativos. Aínda así, o inicio dos traballos está pendente da contratación dunha empresa que os faga e os trámites para iso van comezar agora.
Imaxe de portada: camiño que une Ribela con Codeseda // Concello da Estrada


Deixar un comentario