Aparecen residuos industriais nos contedores do polígono de Toedo

Aparecen residuos industriais nos contedores do polígono de Toedo

Eses contedores só se poden empregar para o “lixo que xeraría calquera cidadán”

O Concello da Estrada advertiu da aparición de residuos industriais nos contedores do lixo do polígono de Toedo, cando o lixo das fábricas ten que ser xestionado por empresas autorizadas.

O concelleiro delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, lembrou que os contedores están destinados a refugallos asimilables a uso doméstico, non podendo ser desbotados neles, por exemplo, plásticos ou cartóns industriais ou elementos empregados para a embalaxe. Produtos coma os do exemplo teñen que ser incorporados á xestión de residuos de cada empresa.

“Non o dicimos por capricho do Concello, senón porque as empresas recolledoras están trasladando esta situación e non queren recollelo, porque tamén para elas supón un problema”

Óscar Durán

Ademais, advertiu de que, no caso de que se sigan producindo estes casos, poderíase proceder á identificación da orixe destes residuos, tal e como solicitan as diferentes firmas recolledoras. Iso poderíase facer a través dos códigos de barras e conlevaría sancións para os seus responsables.

“Queremos lanzar un aviso”, sinalou Durán á vez que lembraba que a recollida de lixo do polígono de Toedo non se realiza xunto coa urbana. “Nestes colectores pódese depositar o lixo que xeraría calquera cidadán, pero o derivado da actividade de cada empresa ten que ser xestionado cunha empresa de recollida autorizada”, informou.

Imaxe de portada: contedor do lixo de Toedo e contido dunha das bolsas // Concello da Estrada / Montaxe: Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario