Despois do éxito acadado en primavera, Concello da Estrada e Anacos Educativos presentaron este mércores unha nova edición do programa Noites Novas, que pretende ofrecer unha alternativa de ocio para a xuventude estradense. As actividades terán lugar os sábados 11, 18 e 25 de outubro entre as 21.00 e as 23.00 horas no Novo Mercado.
Este programa, pensado para rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, conta con propostas que buscan incluír a aqueles que aínda non atoparon un espazo de ocio propio e axeitado ás súas circunstancias, a eses anos que xa se afastan da infancia pero que aínda non se emprazan na idade adulta.
Para este sábado 11 proponse unha velada de enxeño, para o 18 un Cluedo e, para o 25, un obradoiro de fotografía con teléfono móbil e dende unha perspectiva de xénero.
Como na pasada edición, a inscrición non é obligatoria pero recomendable por cuestións de organización. Por iso, no caso de ser segura a asistencia, solicitan que se avise.
Sobre as actividades
- Velada de enxeño: un xogo no que as persoas participantes porán a proba a súa capacidade, intuición e creatividade para resolver retos en equipo. A través de probas de lóxica, dedución e cooperación crearanse un ambiente divertido e participativo no que o enxeño será clave para gañar. Tras xuntarse no Novo Mercado, a actividade será na rúa.
- Cluedo: a actividade propón un xogo de investigación no que as persoas participantes deberán resolver un misterio mediante pistas, deducións e traballo en equipo. Cada grupo terá que percorrer a zona de xogo (rúas céntricas da Estrada) e atopar os diferente cartaces con personaxes. Terán que analizar a información dispoñible e formar hipóteses ata descubrir quen foi a persoa responsable, como actuou e cal foi o móbil do suceso.
- Obradoiro fotográfico: A través de actividades prácticas, explorarase como a mirada con que facemos as fotos está influída por roles e estereotipos e como se poden crear imaxes máis conscientes e igualitarias. Os participantes aprenderán nocións básicas de composición e encadre, ao tempo que se fomentará a creatividade e a reflexión.
Cómpre lembrar que no mes de novembro regresarán as actividades do programa Acción na Noite, organizado por Imaxina e Axuda e financiado con fondos da Deputación. O 1 de novembro celebrarán un scape room de terror, o 8 un taller de cerámica, o 15 outro de defensa persoal, o 22 unha noite intercultural e o 29 despediránse con zumba. Para os talleres de cerámica e de defensa persoal será necesario inscribirse previamente.
Imaxe de portada: presentación de Noites Novas // Concello da Estrada


Deixar un comentario