A conexión da EP-7016 (a estrada de Vinseiro) coa N-640 a través da coñecida como rotonda das Colonias prometía ser unha das grandes melloras en seguridade viaria desta lexislatura. Agora, case un ano despois de terse anunciado, ve máis complicado o seu futuro por cuestións técnicas.
O goberno de Gonzalo Louzao coñecía a través da prensa que o Ministerio de Transportes denegaba o proxecto por “incumprir a normativa do Ministerio sobre trazado e tamén a Orde do 16 de decembro de 1997, que regula as conexións coas estradas da Rede Nacional do Estado”, tal e como recollía este mércores o Faro de Vigo.
En concreto, menciónase que non é correcto o ángulo de conexión e que a pendente é superior á permitida pola normativa, algo do que Louzao díxose sorprendido porque “este é o mesmo proxecto consensuado durante o goberno provincial de Carmela Silva”.
“Isto non pode ser así. Eu pido unha reflexión”, continuou Louzao, pois a redacción do proxecto fíxose durante o mandato de Carmela Silva, “aínda que non continuou a súa tramitación”, e tería sido consensuado “coas persoas que estaban dirixindo o Ministerio de Transportes na provincia de Pontevedra naquel momento”, segundo lle terían trasladado desde a institución provincial.
“Agora o mesmo proxecto que antes foi consensuado co ministerio recibe unha negativa por cuestións técnicas”.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
“Non quero ser suspicaz con que A Estrada sexa un goberno do Partido Popular e a Deputación de Pontevedra sexa un goberno da mesma cor”, manifestou. “O que pido é que se poñan traballar”, manifestou á par que lembraba que existe un compromiso da Deputación para financiar o 100% da obra, tendo que asumir o Concello as expropiacións.
O rexedor solicitou que “falen e que vexan cales son os problemas coa normativa actual que alega Transportes e que se solucionen neste proxecto”. “Se o Ministerio non lle puxo problemas á rotonda do Mercadona, non sei cales pode haber nesta”, ironizou.
“Só estabamos pendentes da resolución do ministerio para asinar ese convenio e agora recibimos este pau”, continuou e recalcou que son moitos os veciños que empregan a diario esta estrada, especialmente “os das parroquias de Guimarei, Vinseiro, Cereixo e Lagartóns”.
Recordou o consenso que existe na Estrada sobre a necesidade desta obra e a situación do entronque actual. “Falamos de que non hai ancho suficiente, de que é unha saída moi insegura a deste pequeno tramo da PO-7016 cara a N-640”. Asemade, mostrou a súa preocupación despois de ter conseguido a vontade da Deputación de iniciar o procedemento para eses “escasos 300 metros que unen a rotonda das Colonias con esta vía que popularmente se coñece como estrada a Vinseiro”.
“Xa non falemos de que non hai espazo para os peóns e de que a saída é insegura para os vehículos utilitarios, senón de que cando sae un vehículo longo como un autobús ou un camión provoca, non só un problema nesa estrada a Vinseiro, senón tamén para o entronque coa N-640”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
“Estamos falando de mellorar a seguridade”, sentenciou, visiblemente molestou pola resposta de Transportes e antes de anunciar que solicitará unha reunión técnica a tres bandas para atopar unha solución. “O necesitan obras coma esta é vontade política”, sentenciou.
A obra
A variante da EP-7016 ten como obxectivo suprimir os 190 metros iniciais, que contan cunha pendente media aproximada do 10%. A nova conexión, de trazado lineal, terá unha plataforma de sete metros de ancho (a anterior tiña 4,50 metros), con dous carrís de tres metros cada un e beiravías de medio metro en ambas as dúas marxes, co que se mellorará a seguridade da vía e se minimiza o uso da conexión anterior, que quedaría como un camiño de servizo para a veciñanza da contorna. Ademais, as obras da Deputación inclúen a recollida de augas pluviais con cunetas nas dúas marxes, sinalización e a reposición dos servizos afectados no entronque coa estrada nacional (como a reposición das beirarrúas ou a colocación de alumeado público).

Imaxe de portada: visita da deputada provincial Isabel Couselo á futura variante en decembro de 2024 // Deputación de Pontevedra
Deixar un comentario