Este martes comezarán as obras da Farola

Este martes comezarán as obras da Farola

Este martes comezarán as obras de peonalización da Praza da Farola e da súa contorna. O inicio será na Rúa Don Nicolás, no treito comprendido entre os cruces con Calvo Sotelo e Marqués Vega de Armijo, quedando xa definitivamente pechado ao tráfico.

As dúas primeiras semanas de traballo estarán centradas nese tramo da rúa, no que se realizará un picado de todo o pavimento central, logo do valado da zona de obra. Despois da demolición da zona asfaltada realizarase un fresado da superficie. As beirarrúas de pedra serán conservadas. Rematados estes traballos, as obras continuarán por Marqués de la Vega de Armijo e, de seguido, proseguirán polas rúas San Paio e 56.

Deste xeito, non se traballará na Praza de Galicia – nome oficial do que se coñece como A Farola – ata entrado 2026, tal e como se avanzara para non afectar á campaña navideña na zona na que se concentra o maior número de comercios do casco urbano estradense e que, á vez, é punto de paso obrigado das cabalgatas de Papá Noel e Reis Magos. Asemade, prevése que a circulación pola rotonda se manteña ata pasado o Nadal.

A previsión é que os traballos se prolonguen ata o mes de maio. Taboada y Ramos, empresa adxudicataria da obra, comprometeuse a facelo por un importe de 1.037.607,80 euros. As obras serán financiadas mediante un convenio do Concello da Estrada coa Deputación, polo que 807.000 euros serán aportados a través do Plan Provincia Extradordinaria-Plan Extra da Deputación de Pontevedra.

Vista aérea do proxecto // Galaicontrol

Unha praza de pedra e formigón

A nova A Farola, como é coñecida popularmente a Praza da Farola, será de pedra, combinada con elementos de formigón. Esta praza vaise ir “abrindo en forma de anfiteatro” para representar que será un espazo para celebrar eventos e concertos, tal e como comentou Trinidad López, arquitecta responsable do proxecto, durante a súa presentación

A zona estará decorada con xardineiras, nas que se manterán as árbores actuais. As principais serán as que se situarán nas proximidades de Calvo Sotelo e Don Nicolás e e da zona pola que circularán os vehículos. Ademais, colocaráse unha pequena fonte e aproveitaránse os bancos xa colocados.

Deseño inicial do proxecto // Galaicontrol

A zona destinada ao tráfico rodado contará cun tramado de formigón e pedra para indicar que é unha zona peonil. A parada de taxis manteráse na rúa 56 e, a zona de aparcamento adaptado, colocaráse nesa zona. A carga e descarga situaráse na rúa San Paio.

O deseño que se empregará na Farola estenderáse ata a Rúa Marqués Vega de Armijo e parte das rúas 56, San Paio e Don Nicolás.

A polémica da Farola

Posiblemente un dos recordos que leve asociada esta reforma será a da ocasión na que os estradenses votaron para evitar o cambio de ubicación do farol que bautiza oficiosamente á Praza de Galicia.

No proxecto inicial a luminaria íase trasladar ata a illeta na que se atopa a escultura da Rapa das Bestas, algo que non gustou á opinión pública. Tras unhas semanas nas que este movemento foi a protagonista do debate político, chegando a facerse recollidas de sinaturas e unha manifestación, a futura ubicación someteuse a votación, gañando por unha ampla maioría a opción de que permaneza nunha ubicación semellante á actual.

Ringleira para votar no referendo da Farola // Xornal da Estrada

Tras este resultado, modificouse o proxecto da firma Galaicontrol para adaptalo ao veredicto das urnas. Deste xeito, o farol desprazaráse lixeiramente para aproximalo ao punto no que arrancará un longo paseo peonil que comezará na Praza de Galicia e rematará na Porta do Sol.

Imaxe de portada: Praza da Farola // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario