O BNG da Estrada acusou ao PP de empregar as canles e ferramentas “creadas para a xestión municipal e a atención das parroquias” de forma “partidista”. Faino despois de que se enviase a través de canles de WhatsApp parroquiais un convite ao Congreso que celebrarán os populares o vindeiro domingo 19.
“Esta práctica promove unha lectura homoxeneizadora da realidade plural dos cidadás do noso concello ao pretender naturalizar a adscrición ao PP entre a veciñanza”, aseguran os nacionalistas. Engaden que se presentan como “espazo de debate” os “congresos e xuntanzas internos” que “non dan marxe de decisión á cidadanía nin substitúen os mecanismos formais de participación municipal”.
Por iso, o BNG presentou unha serie de medidas que lle esixen ao alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, que cumpra. As medidas recollémolas tal e como foron presentadas nas seguintes liñas:
- Cesamento inmediato de calquera uso partidista das contas e ferramentas de comunicación municipal destinadas á xestión e á atención das parroquias.
- Restitución da autonomía das canles xestionadas polos alcaldes de barrio, garantindo que se utilicen exclusivamente con fins administrativos e informativos, sen instrucións ou contidos de carácter partidista.
- Aclaración pública e transparente sobre os contidos difundidos: indicación expresa de se empregaron recursos municipais na súa elaboración ou difusión.
- A apertura dun procedemento interno de revisión para supervisar ou uso das comunicacións institucionais, coa adopción de medidas correctoras se se acreditan irregularidades.
- A convocatoria, con carácter urxente, dunha comisión informativa municipal
- O BNG lembra que a neutralidade das institucións, a transparencia e a protección dos auténticos espazos de participación cidadá son fundamentais para a democracia local. Non admitiremos a instrumentalización das canles públicas para fins partidistas .


Deixar un comentario