O PP sobre López Bueno: “demostra que xa non lle quedan argumentos, só rabia e frustración”

O PP sobre López Bueno: “demostra que xa non lle quedan argumentos, só rabia e frustración”

O PP da Estrada saíu ao paso das últimas declaracións do voceiro dos socialistas, Luis López Bueno, nas que pediu que o Concello traballe para solventar os erros do proxecto da variante da EP-7016 e acusou ao alcalde Gonzalo Louzao de estar “moi ocupado nos seus delirios de grandeza”.

“O señor López Bueno debería aprender o que é o respecto político”, comezaron nunha publicación en Facebook. “Cando un portavoz chega ao punto de insultar e faltar ao respecto persoalmente a quen dedica o seu tempo a traballar por A Estrada, demostra que xa non lle quedan argumentos, só rabia e frustración”, aseguraron os populares.

En canto ás “pegatinas de incompetente” que asegurou López Bueno que ten Louzao, desde o PP da Estrada lembraron que o actual rexedor estivo en varias listas electorais antes de ocupar o seu posto e que conta con 13 dos 21 concelleiros do pleno. “Iso si que é unha pegatina de confianza e resultados”, engadiron.

No que respecta á comida do maior, lembraron que xestionouse o menú restante con empresas locais e que se sancionou á adxudicataria, algo que definen como “xestionar e dar a cara”.

“E si, todos podemos equivocarnos algunha vez, porque só se equivoca quen fai cousas. Quen non fai nada, nin erra nin acerta… simplemente non conta”

PP da Estrada

Por último, recordaron que o actual voceiro dos socialistas “leva presentándose ás eleccións unha e outra vez e perdéndoas sempre, cada vez con menos apoios. E aínda así, ninguén no PSOE lle pon unha etiqueta”.

Unha hora e media máis tarde compartían outra publicación en relación ao inicio do plan de bacheos que se anunciou en abril deste ano. Nela, antes de destacar o plan e de loar o traballo de quen se pode converter no novo presidente do partido a nivel local o vindeiro domingo, fixeron unha breve referencia ao mesmo debate: “Mentres algúns se dedican a insultar, Gonzalo Louzao segue traballando”.

Imaxe de portada: Gonzalo Louzao e Luis López Bueno // Imaxes: Xornal da Estrada e Concello da Estrada; Montaxe: Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario