O voceiro do PSOE da Estrada, Luis López Bueno, reaccionou á polémica xerada despois de que se enviasen os convites para o 11º Congreso do PP a través dos grupos de WhatsApp das parroquias, un evento que cualificou nunhas declaracións en Radio Estrada como a “festa de coroación” de Louzao.
López Bueno considerou unha “torpeza” que Louzao “lles dera indicacións aos alcaldes e alcaldesas de barrio para que funcionaran como axentes políticos nos grupos parroquiais” en vez de cinguirse ás súas funcións que, “para ser honrosos deben representar á parroquia, non facerlle o xogo ao alcalde”.
O voceiro dos socialistas lembrou que o seu grupo presentou unha moción para que os alcaldes de barrio fosen elixidos mediante unha votación popular en cada unha das parroquias. Esa moción foi rexeitada polo PP e, polo tanto, non saíu adiante. “Para nós é o que ten máis sentido, incluso outros concellos gobernados polo PP [como Lalín], funcionan con este sistema”, asegurou.
“O PP da Estrada non busca representantes dos veciños e veciñas que defendan ás súas parroquias, o que buscan son axentes políticos que lle fagan traballos sucios”, reflexionou antes de dar iso por seguro “a tenor dos últimos feitos”.
Por outra banda, alertou da existencia de “conductas claramente antidemocráticas” que demostran “un descoñecemento alarmante” sobre como ten que ser un goberno “que crea só un pouquiño na democracia”. Considerou “normal” que o actual rexedor actúe “como se todo fora seu”, pois “está ocupando unha alcaldía apoiada só polos 13 votos dos concelleiros do PP, e algún deles votando con moi mala cara”.
Considerou isto unha “conduta típica do PP”, aínda que “con José [López Campos] facíase o mesmo pero doutra maneira, era un alcalde bastante máis hábil ca Gonzalo”.
“Este tipo de técnicas garanten o éxito, ninguén quere estar a mal co goberno polas represalias que se poidan tomar. Ao final, todos sabemos que Gonzalo nunca tivo inconveniente en acelerar ou dilatar expedientes ao seu antollo, igual que fixo co expediente urbanístico de
Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada
Mercadona como el mesmo recoñeceu”.
López Bueno reprochou que Louzao pedise a colaboración dos alcaldes de barrio para a organización “doutra festa na súa honra” e concluíu que “este goberno está para celebracións varias pero non para licitar o SAF, o a recollida do lixo, tomar medidas en materia de vivenda ou resolverlle os problemas cotiáns aos veciños e veciñas. Están para as súas cousas pero non para as dos veciños e veciñas”.


Deixar un comentario