Poderánse beneficiar persoas desempregadas de Cuntis, A Estrada, Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña
O Concello de Cuntis recibiu este mércores a resolución de concesión para poñer en marcha unha nova edición – a décima que acolle o concello – do seu Programa Integrado de Emprego, co que 100 persoas desempregadas veciñas dos concellos de Cuntis, A Estrada, Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña veránse beneficiadas.
Dun ano de duración, desenvolveráse dende este mércores ata o 14 de outubro de 2026 e agárdase que un mínimo de 45 persoas consigan un posto de traballo.
50 desas 100 persoas desempregadas poderán ser menores de 30 anos; 20 prazas son para mulleres; 10 para persoas con discapacidade; 10 para maiores de 52 anos; 5 para persoas en risco de exclusión e, as 5 restantes, para inmigrantes.
O proceso de selección de participantes será facilitado polo Servizo Público de Emprego, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e realizarase de acordo coas instrucións operativas da subvención. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, animou aos menores de 30 anos a participar no proceso de selección e a apostar “por mellorar a súa cualificación como mellor vía para asegurar unha boa posición no mercado de traballo”, pois son o colectivo cun maior número de prazas reservadas.
O custo total desta iniciativa ascende a 261.904,76€, dos que a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego aporta 220.000 euros, cofinanciados con fondos estatais. O restante aportaráno o Concello de Cuntis e as entidades participantes.
Imaxe de portada: Centro de Formación Ocupacional de Cuntis // Concello de Cuntis


Deixar un comentario