“Aquí Tou!” terá un segundo pase tras esgotar entradas

“Aquí Tou!” terá un segundo pase tras esgotar entradas

O espectáculo Aquí Tou!, de Xosé Antonio Touriñán, contará cun segundo pase despois de que se esgotaran as entradas para o primeiro, feito que motivou a Ainé Produccións a acceder a programar unha sesión golfa, tal e como informou este venres o departamento de Cultura.

Deste xeito, o vindeiro 14 de novembro poderáse desfrutar do espectáculo de Touriñán ás 20.30 horas – o pase previsto – e ás 23.00. As entradas estarán dispoñibles desde o luns. Vanse comercializar en liña a través de Ataquilla e, ademais, o Concello da Estrada ofrecerá 150 localidades bonificadas, que se poderán adquirir no departamento de Cultura e que custarán 12 euros por persoa.

Aquí Tou! é un monólogo no que Touriñán fai un percorrido pola súa vida, pasando pola súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Serán momentos chave do seu camiño vital co que, como galegos, poderemos sentirnos identificados. Mestura realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega e, con iso, permítenos coñecer partes da súa vida, incluíndo aquelas boas e malas decisións que, xunto a feitos casuais, levárono a ser o que é hoxe.

Imaxe de portada: Touriñán en Aquí Tou! // Captura de pantalla

Comentarios

Deixar un comentario