Louzao proporá a Manuel Magariños como secretario do Comité Executivo do PP

Louzao proporá a Manuel Magariños como secretario do Comité Executivo do PP

Este domingo o PP vai celebrar o seu 11º Congreso Local, sendo o primeiro que se celebra en 15 anos. Tras presentar a súa renuncia no mes de setembro, prevése que José López Campos ceda o testigo a Gonzalo Louzao, actual alcalde da Estrada e único candidato a substituír como presidente do partido local ao actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

Aínda que o Comité Executivo que proporá Gonzalo Louzao vaise coñecer ao completo no Congreso Local, o candidato desvelou este venres o nome da persoa que ocupará a secretaría. Será Manuel Magariños Maceiras, actual concelleiro de Novas Tecnoloxías, Conectividade, Reto Demográfico e Vivenda.

Unha persoa coa que leva traballando varios anos e que Louzao escolleu por ser “un compañeiro que leva anos vinculado ao funcionamento orgánico do partido, traballando xenerosamente e sen pedir nada a cambio, e que agora aceptou dar un paso á fronte para axudar a darlle continuidade no futuro á exitosa etapa liderada por José López”.

“Todo o mundo que o coñece sabe que é unha persoa de trato cercano, que está moi vinculado á realidade do rural e que ten unha gran capacidade de traballo”

Gonzalo Louzao, candidato a presidir o PP da Estrada

O candidato a presidir o PP da Estrada comentou que pretende aproveitar a “gran capacidade de traballo” de Magariños para “seguir fortalecendo a conexión do partido coa sociedade estradense”.

Manuel Magariños, de 54 anos de idade, é natural de Vinseiro, aínda que na actualidade reside na Estrada. Ademais de ser concelleiro no goberno de Louzao, traballa nun gran hipermercado de Santiago como responsable de sección.

En canto á súa relación co partido, afiliouse hai máis de 20 anos e no 2007 comezou a involucrarse na actividade orgánica do PP estradense. No 2010 incorporouse ao Comité Executivo da man de José López Campos, formando parte das candidaturas ás Eleccións Municipais de 2015, 2021 e 2023, sendo estes últimos comicios nos que saíu elixido por primeira vez.

Imaxe de portada: Manuel Magariños // cedida

Comentarios

Deixar un comentario