Louzao foi proclamado presidente ante un milleiro de persoas, segundo os datos do PP

Louzao foi proclamado presidente ante un milleiro de persoas, segundo os datos do PP

Un recinto ateigado de xente acollía no mediodía deste domingo o 11º Congreso do Partido Popular da Estrada, o primeiro que se celebraba desde 2010, cando José López Campos foi escollido presidente do partido. O candidato estaba claro: Gonzalo Louzao.

Segundo o PP, un milleiro de simpatizantes achegáronse ata o pavillón anexo ao Manuel Coto Ferreiro, ademais do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López Diéguez, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o presidente do PP da Estrada saínte, José López Campos, o conselleiro de Educación, Ciencias, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, e diversos alcaldes e líderes populares de concellos da contorna.

Louzao subíase ao escenario por primeira vez para agradecer a confianaza que reciubiu neste último ano e medio. Tamén tivo palabras para o seu predecesor e, en parte, mentor, José López Campos, de quen “aprendín moito”, como que “hai que escoitar para acertar” e a necesidade de “darlle importancia ás persoas”.

Lembrou que dese Congreso “vanse escoller ideas e persoas” e que “todo o que facemos no Concello xurde aquí”. Ademais, engadiu que “o Congreso permítenos ser o partido máis representativo da Estrada”.

Do mesmo xeito, avanzou que o seu Comité Executivo estaría formado por 62 persoas, sendo a metade delas xente con experiencia nel e, a outra metade, persoas que se incorporan a el.

Relacionado

Louzao ao ser proclamado presidente do PP da Estrada // Xornal da Estrada

Louzao, presidente

Tras isto e ao non haber máis candidatos, proclamouse por aclamación a Louzao como presidente do PP da Estrada, quen máis tarde voltaría a dirixirse aos presentes para falar dalgúns proxectos, como pode ser a variante da N-640.

“Cando goberne Feijóo, que estou seguro de que pronto o fará, fagamos que a variante sexa unha realidade”, afirmou. Asemade, solicitou que “estade ao meu carón para facer a Estrada do futuro”.

Discurso de José López Campos // Xornal da Estrada

Unha transición “marabillosa”

O seguinte en subir ao escenario foi o presidente saínte, José López Campos, que se mostrou “emocionado” ao “botar a vista atrás” e lembrar os seus 15 anos dirixindo o PP da Estrada.

“Cando eu me subín a este escenario hai 15 anos, Louzao tiña 16 anos, pero xa participaba nos actos de partido”, engadiu. Continuou afirmando que o mellor proxecto sae “de estar preto da nosa xente”.

Valorou como “moi marabillosa” a transición. “Ten que ser un relevo natural e unánime”, comentou unha das persoas que entrou no PP da Estrada cando se produciu a fractura tras renunciar Campos a continuar como alcalde.

“Gonzalo, o traballo feito ata agora é o máis satisfactorio”

José López Campos, presidente do PP da Estrada desde 2010 ata 2025

Na parte final do seu discurso quixo citar a Alfonso Rueda ao asegurar que “o PP é o que máis se parece a Galicia”. Tamén mencionou a “sorte” que tivo de “recibir a chamada de Rueda” e que o presidente autonómico “fainos traballar no nivel que está el”.

Alfonso Rueda e Gonzalo Louzao // Xornal da Estrada

“O mellor substituto posible”

Alfonso Rueda asegurou que A Estrada é un exemplo de que os concellos “tamén están chamados a facer cousas grandes por Galicia” cando teñen á fronte líderes que, como Louzao, saben “aproveitar as oportunidades e facelas realidade desde a colaboración, o traballo, a unión e a positividade”.

Resaltou que o relevo fíxose “perfectamente” grazas a que se conta cun partido “cada vez máis unido” e cun líder “co atrevemento e as condicións necesarias para converterse no mellor substituto posible para un gran alcalde”. Ademais, lembrou que Louzao traballou con el “uns meses”, antes de aterrar no Concello da Estrada da man de López Campos.

“Quédome moi tranquilo porque sei que na Estrada aínda hai moitas oportunidades por aproveitar e que en Gonzalo Louzao atoparemos sempre a alguén disposto a colaborar para que todo o que ten que vir sexa unha realidade”

Alfonso Rueda, presidente do PPdeG

Avanzou que a AG-59 inauguraráse en “tres meses como moito, depende de se empeza a chover ou non empeza a chover”. “Os veciños da Estrada déronme un gran apoio nas eleccións autonómicas e eu teño que cumprir os compromisos adquiridos a cambio desa confianza”, engadiu antes de citar algúns dos proxectos feitos pola administración autonómica nos últimos anos, como poden ser a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o recentemente inaugurado edificio xudicial – “o primeiro que se fai en Galicia acorde aos requirimentos da Xustiza moderna” – ou o centro de saúde, que “é unha referencia do modelo de sanidade pública que queremos para toda Galicia”.

Asemade, mostrou o seu compromiso coa ampliación do polígono de Toedo e coa construción de vivenda pública “para que a xente que decide non vivir nas grandes cidades poida ter a oportunidade de instalarse na Estrada e facer que esta vila siga consolidándose como un lugar de oportunidades”.

Discurso de Luis López Diéguez // Xornal da Estrada

“Un líder que vai gobernar varios anos”

Pola súa banda, Luis López Diéguez salientou que é “un día moi importante para A Estrada” co que comeza a “era” de Gonzalo Louzao e remata a de López Campos.

Loou o traballo de Louzao, pois pese a que só leva 1 ano como alcalde, “parecen vinte polo seu aplomo e capacidade de traballo” e “fóra da Estrada tamén están pendentes do que se fai na Estrada”.

Resaltou que López Campos “colleu un partido dividido en familias” e que estaba na oposición e conseguiu formar “unha familia” que goberne. “José soubo facer o máis difícil que se pode facer en política: soubo chegar, soubo facer e soubo marchar”, engadiu.

“O PP lembrará que aupou aquí a un líder que vai gobernar durante varios anos”, asegurou. Para concluír, destacou que hai “tres vecedores: Gonzalo Louzao, o PP da Estrada e o Concello da Estrada”.

Imaxe de portada: Congreso do PP da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

2 respostas a “Louzao foi proclamado presidente ante un milleiro de persoas, segundo os datos do PP”

  1. Avatar de GALERÍA | Así foi o Congreso do PP – Xornal da Estrada

    […] domingo Gonzalo Louzao foi proclamado presidente do PP da Estrada. Nas seguintes imaxes poderán ver algúns dos momentos máis destacados do […]

    Gústame

  2. Avatar de Rueda avanza que o novo treito da autovía inauguraráse, como moi tarde, “en tres meses” – Xornal da Estrada

    […] presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou durante o 11º Congreso do PP da Estrada que o treito da AG-59 que se está construíndo entre A Ramallosa e Pontevea “vaise inaugurar […]

    Gústame

Deixar un comentario