O 19 de outubro de 2025 o principal evento na axenda estradense era o 11º Congreso do PP que proclamou por aclamación – non se votou en ningún momento dado que non había outro candidato – a Gonzalo Louzao como presidente do PP da Estrada. Sen embargo, xusto 1 ano antes a axenda estaba marcada por outro evento que levaría a un momento nunca ou poucas veces antes visto na historia.
Aquel 19 de outubro de 2024 non paraba de chover e, por momentos, as precipitacións eran intensas. Aquel sábado o entronque das rúas Calvo Sotelo e Don Nicolás acollía unha manifestación contra o desprazamento da Farola, o farol que se converteu nun símbolo en menos dos 40 anos que fixo este 2025.
A polémica saltara co proxecto de peonalización da praza que preside. Os pregos non recollían a obrigatoriedade da permanencia deste farol na súa ubicación actual, polo que o proxecto escollido ía trasladala á illeta na que se atopa a estatua dos cabalos que, en palabras da arquitecta responsable, é unha zona que vai gañar protagonismo coa peonalización. A iso sumábaselle outro motivo: deixala onde está agora dificultaría a celebración de eventos, seria como ter “un piar no medio dun salón”, como se chegou a afirmar.
A oposición organizouse e recolleu o malestar veciñal. Organizou unha recollida de sinaturas na que participaron 2.000 persoas e convocou unha manifestación na que participou medio cento de estradenses e que, lembremos, celebrouse nun día no que ter o paraugas aberto non aseguraba quedar seco.
Ese mesmo día Gonzalo Louzao convocaba unha rolda de prensa sobre a N-640 na que tamén se referiu a esa campaña da oposición. “A axenda política dos estradenses é que leva 30 anos sendo esta N-640 da cal ninguén se manifesta, ninguén se preocupa e ninguén pide firmas”, aseguraba.
Tras esta campaña e continuas queixas por un desprazamento que moitos non entendían – e que levou a que se colocara unha coroa floral no propio farol -, o 2 de novembro Gonzalo Louzao comparecía ante os medios para convocar un referendo sobre a ubicación e que se celebraría unha semana máis tarde, gañando de forma contundente a permanencia do farol nunha ubicación semellante á actual, pois vaise desprazar lixeiramente para colocala nun punto acorde ao novo deseño da que moitos chaman Praza da Farola.
Imaxe de portada: A Farola, hai uns días // Xornal da Estrada

Deixar un comentario