| A Estrada superará en 2026 os 20 millóns de euros de gasto autonómico, “sendo un dos concellos galegos con máis investimento”
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, valorou a proposta de orzamentos feitos pola Xunta para 2026. “Os orzamentos da Xunta para 2026 referendan o que vimos dicindo: é o momento da Estrada”, asegurou.
A principal partida destinaráse á AG-59. Para 2026 os orzamentos contemplan un montante de 16.868.197 euros. A iso sumaríanselle 13 millóns máis para 2027 e outros 7 millóns en 2028, superándose así un total de 36,8 millóns de euros. O rexedor centrou a atención en que o 60% dos fondos destinaránse á provincia de Pontevedra, onde haberá unha maior superficie de traballo no treito que se comezará a construír nos vindeiros meses.
“Como dixo o presidente Rueda este domingo na Estrada, esta fase quedará inaugurada en dous ou tres meses, en función do efecto que a meteoroloxía teña na recta final dos traballos”, lembrou Louzao. “Os estradenses soubemos agardar por esta conexión libre de peaxes, pero a capital galega está xa para todos nós cada vez máis preto”, engadiu.
Os alicerces para “construír A Estrada das oportunidades”
Louzao quixo facer referencia ao seu discurso durante o 11º Congreso do PP no que asegurou que “autovía, solo industrial e vivenda son alicerces para construír A Estrada das oportunidades que pretendemos dende o goberno local” e que é onde se centran os investimentos da Xunta para 2026.
Ás xa citadas partidas para o treito da AG-59 que unirá Pontevea e O Rollo (Santa Cristina de Vea), súmase outra de 2,4 millóns para a ampliación do polígono de Toedo e outros 600.000 para a construción de vivenda pública. A previsión é que para a ampliación do polígono industrial se destinen 8.762.508 euros repartidos entre 2026, 2027 e 2028 e que para as 28 vivendas públicas o montante ascenda a 4.290.830 euros.
“Dotar á Estrada de solo industrial público resulta fundamental para ter capacidade de creación de emprego, ofrecendo oportunidades laborais aos estradenses no seu propio municipio e atraendo novos traballadores, que poderán escoller A Estrada para vivir”, sinalou Louzao. Asemade, apuntou que as previsións de ingreso por explotación de Xestur ascenden a 9.388.626 euros.
“En materia de vivenda a falta de competencias non nos pon a cousas fáciles e precisamos a implicación dos axentes privados. Porén, a Xunta de Galicia está poñendo da súa parte”, comentou. A partida que se lle destina este ano a esta materia sería para os proxectos técnicos e unha primeira partida de investimento.
Por último, Louzao Dono subliñou que, se se engaden á ecuación os diferentes plans autonómicos aos que está adherido o municipio e os recursos extraordinarios xestionados con diversas consellerías, o investimento total chegaría aos 20 millóns de euros, converténdose “nun dos concellos galegos con máis gasto finalista do vindeiro exercicio”.
Imaxe de portada: As obras da AG-59 a vista satelital (30-9-25) // Copernicus / Grafismo: Xornal da Estrada


Deixar un comentario