A Atención Temperá ampliou os seus horarios

A Atención Temperá ampliou os seus horarios

A Unidade de Atención Temperá da Estrada xa traballa cun horario ampliado, pasando de 20 horas semanais a 30. Este cambio fíxose coincidir coa sinatura do novo contrato coa firma adxudicataria, que é Foltra, quen xa viña prestando este servizo. Contarán cun orzamento de 175.500 euros.

Para rapaces e rapazas de entre 0 e 6 anos, ofrécense os servizos de logopedia, psicoloxía e terapia ocupacional, sendo altamente valorados polas familias e contando cunha alta demanda. Grazas a esta modificación horaria, serán 45 os rapaces que asistan a esta unidade. Por áreas, 20 deles están vencellados a terapia ocupacional, 22 á de psicoloxía e outros 22 a logopedia.

Do mesmo xeito, esta ampliación horaria permite reducir a lista de agarda que, Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais, agardou que se reduza ao mínimo, sendo consciente de que “as necesidades sempre son máis que os recursos”.

Goldar lembrou que este servizo é gratuíto para as familias e que, aínda que a Xunta aporta a práctica totalidade do seu custe, é o Concello o que ten que adiantar os cartos. Nestes intres, o funcionamento da unidade require 84.825 euros ao ano.

Os horarios varían en función de que día da semana sexa. De luns a mércores a unidade funcionará de 8.00 a 19.00 horas. Os xoves faráo de 8.00 a 14.00 e os venres, de 8.00 a 15.00 horas.

Na actualidade o servizo préstase no piso co que conta o departamento de Servizos Sociais na Avenida Benito Vigo. Goldar comentou que está contemplado o traslado deste servizo ao novo edificio que se construirá no solar do antigo INEM. “Agardemos que nun par de anos poidamos ter unhas instalacións á altura da calidade do servizo que se presta dende esta unidade”, manifestou.

Imaxe de portada: visita de Fabiola García á Unidade de Atención Temperá // Arquivo

Comentarios

Deixar un comentario