Radio Estrada estreou nova web polo seu 30º aniversario

Radio Estrada estreou nova web polo seu 30º aniversario

Dise que coa chegada dos 30 anos chega unha crise, pero no caso de Radio Estrada o máis adecuado sería dicir que chega unha importante renovación. Mudou de director – xubilouse Pepe Rodríguez e substituíuno Damián Cortés -, renovou o seu logotipo e as sintonías do Actualidade mediodía e das necrolóxicas, comezou a emitir eventos en directo, como os partidos do Estradense na Copa Federación, o concerto preparatorio da Banda Escola ou a zarzuela A lenda de Montelongo, que retransmitirá este sábado a partir das 19.30 horas; creou unha conta en Instagram e, este xoves, estreou unha nova páxina web.

Unha páxina web moderna, adaptada á nova imaxe corporativa e que presenta varios cambios importantes respecto á anterior. O primeiro cambio que se aprecia reside en como atopala: a emisora mudou o seu dominio. Antes podiamos acceder á súa web a través da URL radioestrada.com pero agora é radioestrada.gal.

No momento no que accedemos a ela, recíbenos unha páxina de inicio clara e moderna, moi alonxada da anterior, que seguía a estética da maioría de webs de hai unha década e que tiña como cor de fondo o negro.

Nunha barra verde atopamos os diferentes servizos da emisora e, debaixo, as últimas novas que publicaron. Na parte inferior esquerda un recadro negro convídanos a escoitar a emisión en directo, substituíndo así á paxina da web antiga na que aparecía a ligazón para acceder a dita emisión.

Portada da nova web de Radio Estrada // Captura de pantalla

Regresando ao menú podemos coñecer outras novidades. A primeira páxina á que se pode acceder é o formulario para publicitar produtos e servizos no popular espazo O Mercadiño. Xusto despois temos outro apartado no que podemos ver todos eses produtos e servizos, ademais da forma de contactar co oferente. O deseño do espazo adaptouse de tal xeito que os locutores poidan ler os anuncios con maior facilidade.

Seguimos desprazándonos polo menú e chegamos ás necrolóxicas, onde se poderán consultar todas as esquelas. Este apartado incluíuse porque reciben chamadas a diario para consultar información sobre algunha necrolóxica. Aquí implementouse un sistema automatizado con Intelixencia Artificial co que, unha vez pasada a misa, deixa de mostrarse a esquela.

O penúltimo espazo é o arquivo sonoro, no que clicando nel seremos redirixidos ao espazo de Radio Estrada en iVoox, a plataforma na que colgan todos os programas e podcast da emisora. Outra das novidades presentadas reside neste apartado, pois están traballando na creación dunha canle de Telegram na que, no momento no que publiquen algo en iVoox, se envirará unha mensaxe anunciando que hai novos contidos dispoñibles.

Por último temos o blog, onde se mostrarán todas as noticias publicadas pola emisora municipal.

Esta web foi posible grazas á colaboración de Radio Estrada e AEstradaDixital. O deseño foi feito por Monster Studio.

Máis novidades

A renovación da emisora non queda ahí. Nunhas semanas teñen previsto lanzar unha app coa que se poderá escoitar a emisión en directo, tal e como fan outras grandes emisoras nacionais.

Todo isto foi presentado este xoves nunha rolda de prensa na que participaron o director de Radio Estrada, Damián Cortés, o director de AEstradaDixital, Diego Pernas, e a concelleira de Cultura, Lucía Seoane.

Imaxe de portada: De esquerda a dereita, Diego Pernas, Lucía Seoane e Damián Cortés // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario