Allos comen

Allos comen

Luis López Bueno • PSOE da Estrada

Cando un está convencido de que está facendo un bo traballo, o normal é falar del. Cando estás orgulloso do que fas e ves resultados positivos, o normal é defendelos. Os gobernos adoitan contar as cousas que fan, pero na Estrada, prefiren facerlle oposición á oposición en vez de centrarse en resolver as súas vergoñas.

O actual grupo de goberno sabe perfectamente que traballan pouco ou nada, saben que a súa xestión é un desastre, saben que o Goberno Municipal se parece máis a un circo que a unha administración, saben que viven coas rifas internas propias da conta atrás que marca o 2027 (a ver quen queda e quen vai para a súa casa). É por isto que lles doe tanto que lles poñan un espello diante. É normal, a ninguén lle gustaría mirarse cando o reflexo é tan feo.

A semana pasada lin con sorpresa as palabras que, sen dedicatoria persoal, me escribiu o flamante Concelleiro de Novas Tecnoloxías, Conectividade e Reto Demográfico e Vivenda. Manuel Magariños víase moi ofendido porque hai alguén lles di as cousas como son, sen panos quentes e cara a cara. Tamén lle debo dicir a Magariños que se me pretendía atacar a min en vez de poñerse a traballar polos asuntos importantes para A Estrada, podía citarme directamente, polo menos que o intentase con valentía e de frente.

Debo destacar que este Concelleiro leva áreas de moito peso como poden comprobar os veciños e veciñas. Con semellantes responsabilidades, é unha pena que nin sequera sexa capaz de ter acesas as pantallas de información que espallaron pola vila nin de xestionar as videoactas dos plenos.

A súa gran aposta política foi o “Portal da Vivenda”, unha ferramenta que convertiría A Estrada nun paraíso inmobiliario e que ía mobilizar nin máis nin menos que 300 vivendas. Bueno, pois para sorpresa de ninguén (e menos, de quen lles escribe), só mobilizou dúas. En vez de atacar ao líder da oposición, quizais debería investir a súa enerxía en traballar algo, ou polo menos, en facerlle caso ás propostas do Grupo Municipal Socialista sobre este tema. Agardo que non se ofenda o Sr. Magariños, só estou describindo os seus resultados.

Non hai peor cego que o que non quere ver, din. Se a un goberno local lle chega unha resolución da Demarcación de Carreteras en Galicia que cita 3 artigos da normativa de Carreteras del Estado explicando por que o proxecto que presentaron incumpre o ángulo de entrada á rotonda, incumpre a distancia coa incorporación anterior e incumpre a pendente máxima permitida, non vexo a “posición inexplicable” en ningunha parte. Hai unhas normas e hai que cumprilas, punto.

Este Goberno decidiu embarcarse nunha liorta política da que non vai sacar nada en limpo en vez de reformular o proxecto da EP-7016. Gonzalo empeñouse en poñer (na fronte ademais) a etiqueta de incompetente: decidiu porfiar contra a Lei de Carreteras sen admitir os seus incumprimentos, e coa actitude infantil de enfadarse e non respirar. Eu diréillelo as veces que sexa necesario ata que decidan comportarse como adultos e facer o que toca.

De todas formas, non vexo tanta belixerancia contra a Xunta de Galicia a propósito da PO-841, da PO-213… CERO eurazos no proxecto de orzamentos. Iso só depende da vontade política (e orzamentaria) da Xunta. Faríanse un favor se lle pediran igual a todos. Nós facémolo así, protestamos pola N-640 e tamén polas estradas da Xunta, da Deputación e as Municipais. A Estrada precisa inversións independentemente de quen goberne cada Administración.

Fáiseme moi curioso que no canto de falar dos éxitos deste goberno, Gonzalo (por boca do seu Concelleiro máis elocuente) se dedique a falar do líder da oposición. É entendible que o fagan así porque non poden falar do Portal da Vivenda, non poden falar de economía porque A Estrada perde PIB todos os anos, non poden falar de impostos porque subiron o IBI un 25%, non poden falar de industria porque non foron a ningún lado a buscar empresas que se instalen na Estrada, non poden falar de Rural porque o teñen completamente abandonado, non poden falar de servizos porque teñen Lixo e SAF sen contratar, non poden falar dos maiores porque os mataron á fame o día da Festa do Maior…

Dicía Magariños que non temos propostas e sabe que iso non é así. O único problema é que o PP vota en contra de todas. Nin reforzo da Policía Local,  nin votación popular de alcaldes e alcaldesas de barrio, nin recuperar o Centro de Saúde antigo, nin apoio ás empresas instaladas en Toedo, nin construción de vivenda pública no antigo INEM, nin fibra óptica no rural con Fondos Europeos, nin bonificacións no IBI pola falta de servizos nas parroquias, nin medidas de aforro no servizo de recollida de lixo para non ter que subir a taxa en 2026, nin bonos ao comercio para darlle pulo á economía da Estrada… NADA contou co apoio do PP. Pois seguiremos sendo un Concello vido a menos, e cada día, un pouquiño peor.  

Estamos diante dun goberno incapaz que se intenta maquillar con 100.000 euros de xefa de prensa, fotos, publicidade “institucional” e aniversarios varios en honra ao noso Rexedor de Postureo. Aínda así, non existe cirurxía estética, photoshop ou filtro de Instagram que amañe a este Dorian Grey. 

Comentarios

Deixar un comentario