Nestes días o Concello da Estrada está traballando na mellora da sinalización horizontal das rúas do casco urbano, en virtude dun plan de actuación dirixido pola Policía Local.
Segundo o xefe da Policía Local, Javier García, serán unhas cincuenta actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria. Repintaráse sinalización preexistente deteriorada, á vez que se atenderán algunhas demandas puntuais e necesidades sinaladas pola cidadanía. Traballaráse no repintado de accesos a garaxes, vaos, espazos de carga e descarga, rotondas e paradas de autobuses e no pintado dalgúns illotes, delimitación de prazas para persoas con mobilidade reducida ou reposición de pivotes.
Xa se actuou na rúa Pintor Maside ou no tramo final da Avenida de Santiago, nas proximidades do CEIP de Figueiroa. Nas vindeiras semanas prevese que os traballos continúen por Fermín Bouza Brey, Avenida de América ou a travesía que conecta a Praza da Feira con 25 de Xullo, entre outras. A duración deles dependerá da meteoroloxía, pois o pintado tense que facer co chan seco e sen choiva.
Restriccións para autobuses e camións

Na xornada do martes a xefatura da Policía Local anunciou varios cambios na circulación para os camións e autobuses. A súa circulación foi restrinxida no tramo de Serafín Pazao no que se atopa o Teatro Principal e en Alfonso Varela Durán – onde se atopan a sede do PSOE e o café A Corticela.
Deste xeito, só poderán acceder á zona da estación de autobuses a través da Rúa do Matadoiro.
Imaxe de portada: labores de pintado na Avenida de Santiago // Concello da Estrada


Deixar un comentario