Estrearáse o vindeiro sábado durante o Samaín
Hai actividades, eventos e iniciativas no rural ás que se lles presta menos atención da que se debería. Por iso, a Asociación de Veciños de Arca quere darlle a volta a esa situación recoñecendo algunha desas actividades de dinamización do rural mediante o premio Raíces do Rural.
Este galardón quere recoñecer ás persoas, asociacións ou entidades que traballan pola conservación e desenvolvemento do rural, fomentar a cultura e as tradicións propias desta zona e garantir o relevo xeracional, buscando que a xuventude se sensibilice e implique no seu coñecemento e desenvolvemento.
Premiaránse proxectos de natureza empresarial que fomenten o desenvolvemento, emprendemento e benestar económico da zona; de natureza cultural ou de fomento das tradicións e festividades; de conservación e divulgación do patrimonio material e inmaterial; de dinamización turística inherentes ao ámbito rural; e de dinamización deportiva e de fomento do ocio saudable.
Ese altruísmo que dá vida ao rural será recoñecido ás 19.00 horas deste sábado 1 nas Escolas de Arca. O premiado, que non se coñecerá previamente, recibirá o galardón das mans do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
Será nun dos actos que ten preparada a asociación polo Samaín. Ás 14.00 horas terá lugar un xantar para o que conseguiron agotar entradas en cuestión de poucos días. Ao remate, xogaráse un bingo no que haberá varios premios ao que seguirán as actuacións de Luis Rey, excantante da Orquestra Poceiro, e entregaráse o premio.
Ás 20.30 horas sairán en procesión coa Santa Compaña, na que haberá varias novidades como poden ser unha cruz luminosa abrindo o paso, un ataúde, varios cirios e luces LED que se colocarán ao longo do percorrido, que se fará co alumeado público apagado.
Tras isto, poderáse degustar mexillóns e castañas de balde e actuará Luis Rey. A bebida terá prezos populares.
Durante toda a xornada haberá inchables de balde para os máis pequenos que, no caso de chover, trasladaránse do exterior ao interior do edificio. Asemade, contaráse cun photocall.
Imaxe de portada: Samaín de Arca 2024 // cedida


Deixar un comentario