O PSdeG incluirá a construción dunha residencia na Estrada nas enmendas aos orzamentos da Xunta

O PSdeG incluirá a construción dunha residencia na Estrada nas enmendas aos orzamentos da Xunta

Este venres José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, achegouse ata a residencia pública da Estrada para anunciar que van incluír nas enmendas aos orzamentos da Xunta a construción dunha residencia pública no concello, tal e como solicitaron todos os partidos estradenses nun pleno mediante unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista.

Unha reivindicación que considerou “xustísima” porque “os socialistas e as socialistas defendemos a implantación das residencias de maiores públicas”. Comentou que en Galicia existe “un déficit” delas, “pero especialmente na Estrada, onde a única residencia pública de maiores ten 40 prazas”.

Engadiu que, aínda que todos os partidos se puxeron de acordo na Estrada, “a Xunta nos seus orzamentos para o ano 2026 non se pon de acordo”, pois “non destina ningún euro” ao proxecto.

“Os socialistas de Galicia, recollendo o mandato que os socialistas da Estrada nos mandan, imos reivindicar nas enmendas que imos facer aos orzamentos do ano 2026 a redacción e construción dunha nova residencia da terceira idade que unha cabeceira de comarca como é A Estrada ben que o necesita”, avanzou Besteiro.

Para concluír a súa intervención, o secretario xeral dos socialistas galegos lembrou que en Galicia faltan “13.000 prazas”.

Visita de Besteiro á residencia pública da Estrada // Xornal da Estrada

Pola súa banda, Luis López Bueno, voceiro dos socialistas estradenses, lembrou que na moción que presentou o seu grupo recollíase que ten que estar “adaptada para persoas dependentes, como non está esta residencia”.

Coincidiu con Gómez Besteiro á hora de sinalar o “déficit de prazas importante” que hai na Estrada, pois “precisamos case o dobre para cumprir o mínimo que recomenda a Organización Mundial da Saúde de 5 prazas en residencias por cada 100 veciños maiores de 65 anos”.

“A min, e sen ánimo de facer sangue con este tema”, continuou López Bueno, “gustaríame ver a Gonzalo Louzao tan behemente e tan reivindicativo como está noutros asuntos nos que tamén estamos plenamente de acordo”.

Acusou ao mandatario estradense de pretender “soar como Godzilla” cando o Goberno de España “nos debe algunha actuación, como é a N-640” pero que, “cando a Xunta de Galicia ningunea ao Concello da Estrada, parece que Gonzalo coa Xunta non é Godzilla senón que é Calimero”.

Por último urxiu ao goberno local que se posicione sobre o tema “públicamente” e que reclame “como reclamamos os veciños e veciñas esta inversión para o noso concello” e que defenda “os intereses os intereses do noso concello sen poñer a camiseta do Partido Popular, como adoita facer este goberno”.

Encontro coa militancia

Ás 19.30 horas deste venres comezou na sede do PSOE na Estrada un encontro coa militancia da comarca Ulla-Umia-Deza. Nel interviñeron o propio Besteiro e David Regades, Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Pontevedra.

Encontro coa militancia do PSdeG-PSOE // Xornal da Estrada

Imaxe de portada: José Ramón Gómez Besteiro con Luis López Bueno // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario