Aí vai a xuventude po carallo

Aí vai a xuventude po carallo

Xoán Reices · BNG da Estrada

Fascistas. Polarizados. Machistas. Violentos. En fin… a xuventude está perdida. Será cousa das redes sociais, do titó e do feisbu. Pode ser.

Se cadra son as décadas de televisión, as game boys, ou o LOL. Tamén é posible que sexan os tebeos, as pelis de vaqueiros ou jólibu. Pode que os jipis, a música rock ou o rap, o punk… sen dúbida foi o punk.

Xa o dicía Sócrates daquela: a xuventude está perdida. E unha e outra vez, sempre tivo razón, creo. Oh, espera…

Vale si, non vou ser eu quen diga que o fascismo non é un problema, un perigo. É certo que hai que estar atentas, igual que tivemos que estalo nos dousmiles ou nos oitenta. O fascismo sempre está latente, ben coidadiño polo capitalismo. SEMPRE hai perigo.

Entón? Si ou non? Arre ou xo? Hai que facer algo?

CLARO. SI. EFECTIVAMENTE.

Non estou de acordo con que a xuventude estea moito peor que hai uns anos. E de feito penso que o maior problema na xente nova é o desapaixoamento pola política e pola vida en xeral. Iso si, isto non quere dicir que non haxa cousas que cambiar:

Temos unha débeda coa xuventude (nomeadamente a da Estrada) dende que Franco era cabo primeiro. Literalmente.

Fan falla máis actividades para a xente. E non me refiro a facer actos improvisados para cumprir, sen publicitalos, nin darlle o valor que teñen. Aquí, unha vez máis, ten responsabilidade o noso Concello, que vive ao día, reaccionando segundo saen as noticias: sen plan.

Faltan apoio, institucional e social. Non pode ser que a practica maioría da xuventude non teña ningunha espectativa vital.

Falta formación. Crear, publicitar e dotar COS RECURSOS NECESARIOS os plans para a xuventude é fundamental.

Apoio ás asociacións xuvenís (e non tan xuvenís). Só hai que ver como está a estación como exemplo.

Tamén estaría ben non facer campaña política indo a un Pub a invitar a copas, como fixo un alcalde de cuyo nombre no quiero acordarme.

Por suposto, deixar de alimentar este sistema hiperindividualista, esta falsa meritocracia que os ten sen espectativas e sen ningunha meta máis ca as imposibles. Que ninguén diga capitalismo.

Pero sobre todo fai falla confianza. Se tratamos á rapazallada como se fora nociva… o único facemos é axudar a que así sexa. Isto é algo que a ciencia demostrou unha e outra vez. Clásica profecía autocumplida.

Así que si, repito, os novos non están mal, nós estamos vellos.

Vivan a xente nova e os chistes que non entendemos!

Comentarios

Deixar un comentario