No que vai de ano producíronse 12 detencións por tráfico de droga na Estrada

No que vai de ano producíronse 12 detencións por tráfico de droga na Estrada

Nos últimos tempos a actualidade da Estrada conta cun amplo número de titulares relacionados con operacións antidroga. Nalgúns casos foron grandes operativos, pero tamén destacan os relacionados co menudeo e o tráfico de drogas a pequena escala, contra os que a Garda Civil comezou unha operación para frealo e, así, evitar o consumo de estupefacientes entre a xuventude.

No que vai de ano producíronse 12 detencións, a maioría delas na primeira metade do ano. Destaca unha vivenda de Matalobos na que xa se efectuaron dous rexistros coas súas respectivas detencións e o operativo que se produciu nunha vivenda de Figueiroa de Abaixo.

No que vai de ano producíronse 12 detencións, a maioría delas na primeira metade do ano

A primeira detención producíase ao pouco de comezar o ano nun control rutinario na N-640. O 13 de xaneiro a Garda Civil atopaba dous quilos de haxís no vehículo que conducía un veciño de Cuntis. Máis tarde, procederon a rexistrar a súa vivenda, atopando 20 gramos de cocaína listos para distribuír.

O 1 de febreiro producíase a detención dun veciño residente en Matalobos — que xa fora detido en xuño de 2024 e na operación antidroga que incluíu rexistros tanto na Estrada coma en Bandeira en 2022 — e da súa parella. A Benemérita estáballe seguindo a pista tras detectarse unha afluencia de vehículos e persoas coñecidas por ser consumidoras habituais na contorna do seu domicilio.

O 1 de febreiro producíase a detención dun veciño residente en Matalobos que xa tiña antecedentes

Ese día interceptaron ao varón nunha pista próxima ao casco urbano da Estrada e atoparon no interior do vehículo un pano de mesa con once doses de cocaína. Tras isto, rexistrouse a súa vivenda, atopando outras 18 doses de cocaína listas para a súa distribución, 150 gramos de cocaína e 9.100 euros en billetes.

O varón entrou en prisión, mentras que a muller quedou en liberdade coa obriga de comparecer cada 15 días, a retirada de pasaporte, a prohibición de saír de territorio nacional e a obriga de comunicar os seus cambios de domicilio.

A seguinte detención chegaría apenas tres días máis tarde. O detido sería outro varón que foi sorprendido subministrándolle cocaína a un cliente. Tras prestar declaración no Xulgado de Instrucción Número 2 da Estrada, quedou en liberdade.

A finais do mesmo mes de febreiro, concretamente o día 26, tería lugar outra operación que remataría coa detención o 3 de abril dun home residente en Vilagarcía e natural de Silleda e dunha muller da Estrada. El entraría en prisión e ela quedou en liberdade con cargos. Ambos tiñan antecedentes por tráfico de drogas.

O 24 de maio detíñase en Figueiroa de Abaixo a 4 persoas

O 24 de maio tiña lugar un novo operativo, esta vez en Figueiroa de Abaixo. 4 persoas foron detidas e no rexistro da vivenda incautáronse 2,53 gramos de cocaína; 102,5 gramos de cannabis; 720 euros en efectivo; 2 básculas de precisión e 2 libretas nas que tiñan apuntados alcumes e cantidades de cartos ou gramos de substancias e que estarían relacionadas coa contabilidade. Un dos detidos quedou en liberdade o día da detención e outros dous quedarían en liberdade varios días despois. A outra persoa entrou en prisión por ter unha causa pendente por un delito anterior.

As últimas dúas persoas detidas no que vai de ano foron as dúas residentes na mesma vivenda de Matalobos que en febreiro fora obxecto doutro rexistro. O varón, que entrara en prisión en febreiro, estaba en liberdade desde o mes de setembro. No rexistro da vivenda atopáronse dous paquetes cunha importante cantidade de cocaína. Pasarán a disposición xudicial este luns.

Imaxe de portada: cuartel da Garda Civil // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario