Xunta e Concello colaborarán para facer obras nos pavillóns de Oca, Codeseda e Pérez Viondi

Xunta e Concello colaborarán para facer obras nos pavillóns de Oca, Codeseda e Pérez Viondi

Este martes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantiveron unha reunión para abordar as actuacións que se desenvolverán en 2026.

O mandatario puxo sobre a mesa as reclamacións dos CEIP de Oca, Codeseda e Pérez Viondi en canto á mellora dos seus respectivos pavillóns que, ademais de empregarse para a actividade lectiva, poden ser utilizados por calquera cidadán fóra do horario escolar.

Se ben os tres espazos son de titularidade municipal e o seu mantemento corresponde ao Concello, conselleiro e alcalde chegaron ao acordo de repartirse os gastos destas obras, asumindo cada institución o 50% dos custes. Deste xeito, tendo en conta que o total ascende a 150.000 euros, cada organismo aportará 75.000 euros.

A principal actuación será no pavillón de Oca, onde está previsto o cambio integral da cuberta e a instalación de caleiros exteriores. A obra cífrase en 90.000 euros.

Relacionado

No do CEIP Pérez Viondi, pese a terse feito melloras anteriormente, é preciso realizar obras de drenaxe e imprimación dos muros, que se atopan nunha cota de terreo máis elevada, para evitar as filtracións á instalación polideportiva. No caso de Codeseda, tamén será preciso realizar melloras nun muro e evitar as actuais filtracións e humidades.

Obras en marcha

Asemade, repasaron as obras feitas ao longo deste ano nos CEIP Pérez Viondi e do Foxo e no IES Manuel García Barros. Polo de agora, a única obra que se rematou foi a do CEIP do Foxo.

A rehabilitación integral do CEIP Pérez Viondi supuxo o cambio de 2.500 m² da cuberta do edificio principal, así como a aplicación de material illante nas cámaras de aire, a substitución de falsos teitos, a
colocación de novas luminarias led e a substitución de caldeira de gasóleo por outra de biomasa. A maiores, acometéronse obras de mellora da accesibilidade, reformas no ximnasio e outras pequenas reorganizacións de espazos interiores, en función das demandas do centro. O orzamento foi superior o millón de euros.

En canto ao CEIP do Foxo, Educación investiu 280.000 euros na mellora da iluminación, da instalación eléctrica e dos falsos teitos mentras que, no García Barros, destináronse 172.000 euros á mellora da accesibilidade, destacando a construción dun ascensor.

Imaxe de portada: reunión de Louzao e Rodríguez // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario