Unha árbore caída cortou a circulación na N-640

Unha árbore caída cortou a circulación na N-640

O temporal de chuvia e vento que afectou á comarca provocou a caída dunha árbore e dun farol na N-640 á altura do cruce polo que se pode ir en dirección á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) durante a madrugada do martes ao mércores.

Así o confirmou José Antonio Lodeiro, de Emerxencias A Estrada, en declaracións a Radio Estrada. Comentou que as principais intervencións producíronse entre as últimas horas da noite e as primeiras da madrugada e que foron menos das agardadas.

A máis destacable, esa árbore “de dimensións bastante importantes” que caíu sobre a estrada de titularidade nacional e que “tirou un farol”, obrigou a cortar o tráfico por esa vía durante 40 minutos, tendo “varios camións en espera” de que se restablecera a circulación.

Refachos de preto de 120km/h no Xesteiras

En canto ao meteorolóxico, nas últimas horas do martes rexistráronse os refachos máis fortes. A estación de MeteoGalicia no Monte Xesteiras rexistrou refachos de ata 119,4km/h, mentras que en Forcarei ese valor non superou os 78,9. Ademais, as precipitacións foron intensas por momentos, achegándose aos 15mm nunha hora.

Nas vindeiras horas aínda se poden producir precipitacións de carácter intenso.

Comentarios

Deixar un comentario