Veciños verteron o lixo na rúa despois de terse suprimido algúns contedores
A Estrada atópase inmersa no proceso de reorganización da recollida de lixo, proceso que se inclúe a reorganización das illas de contedores e a eliminación de puntos que xeran problemas de inseguridade e insalubridade. O concelleiro delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, precisou que se están retirando os contedores soterrados de Justo Martínez, os existentes en Castelao e os que se atopan preto da intersección de San Antón e Justo Martínez.
Coa chegada dos novos contedores amarelos ás rúas estradenses — cos que se pasa de modelos de 800 litros de capacidade a outros de entre 1.800 e 3.200 –, estánse reorganizando as illas de contedores, procurando unha optimización do espazo e unha recollida máis eficiente.
Este xoves retiráronse os contedores soterrados do primeiro tramo da Rúa Justo Martínez, dos que se ten sinalado o seu carácter ruidoso, perigoso e pouco salubre. Durán sinalou que coa súa supresión, reforzaránse as illas de contedores situadas a carón da Praza da Inmaculada (nas proximidades da igrexa) e na cabeza da Rúa Iryda.
Ademais, os contedores verdes e amarelos da Rúa San Antón serán suprimidos por razóns de seguridade, pois atópanse moi próximos ao paso de peóns, informou Durán. Os usuarios destes colectores terán tres puntos de depósito: o que hai xunto a igrexa, o existente na confluencia da Rúa San Antón co arranque da Rúa Gradín e o existente na Travesía da Feira (baixa dende a Praza da Feira cara 25 de Xullo).
Do mesmo xeito, no final de Castelao desaparecen os contedores soterrados e os colocados ao seu carón, sendo as alternativas para o depósito do lixo a illa sita na mesma rúa á altura da alameda ou a Travesía da Feira.
Piden civismo
“Non cambiamos os contedores por capricho nin para fastidiar á xente. Cambiámolos polo ben común”
Óscar Durán, concelleiro delegado de Servizos Municipais
Durán pediu “civismo” despois de que algúns veciños decidisen verter o lixo na rúa após seren trasladados algúns contedores. “Temos que pensar que no rural tamén vive xente maior que non ten diante da casa o contedor”, sinalou. Amais, lembrou que deixar o lixo na rúa é un delito e que a Policía Local vixiará estes comportamentos.
Imaxe de portada: retirada dos contedores soterrados de Justo Martínez // Concello da Estrada

Deixar un comentario