Lago reclama a instalación de marquesiñas e a mellora dos horarios dos autobuses

Lago reclama a instalación de marquesiñas e a mellora dos horarios dos autobuses

O PSOE estradense, a través da súa concelleira Amalia Lago, reclamou que se instalen máis marquesiñas nas avenidas Fernando Conde e de Pontevedra, no Concello e na zona dos institutos para que se preste o servizo de transporte “en condicións de normalidade”.

Lembrou que é unha petición que levan facendo os socialistas bastante tempo, que se fai tanto no casco urbano coma nas parroquias e que nalgúns casos “avanzan moi lentamente ou non avanzan nada”. Para iso pon o exemplo das solicitadas tanto na Avenida de Pontevedra coma nos institutos que, ao contrario da solicitada en Vilar (Ribela), son demandas que aínda non foron atendidas.

“Xa solicitamos a marquesina na zona dos institutos para o inicio do curso pasado, e vamos chegar a este decembro sen ela”, asegurou Lago. Acusou o goberno local de falta de seriedade, pois “para fotos e festas teñen tempo, pero para xestionar as cuestións máis básicas parece que non o hai”, comentou.

Do mesmo xeito, considerou necesario que o Concello preste unha maior atención ao cumprimento dos horarios da liña Santiago – A Estrada, que suscita queixas por parte dos usuarios e que xestione máis conexións con Lalín e Silleda, que só contan con unha e dúas conexións diarias, respectivamente e con horarios “imposibles” para seren unha alternativa real de transporte, asegurou.

Relacionado

Solicitáranse orzamentos

No apartado de rogos e preguntas do pleno do mes de setembro a concelleira de Educación, Amalia Goldar, avanzara que o goberno xa tiña solicitados os orzamentos para instalar novas marquesiñas nos tres institutos públicos do concello. No caso do IES Avelina Valladares trataríase dunha de seis metros.

Imaxe de portada: Marquesina no IES Avelina Valladares // Arquivo / Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario