O voceiro do BNG, Xoán Reices, propuxo que o Concello da Estrada edite calendarios grandes, de mesa e de man en galego porque “cremos que é unha medida que popularizaría este tipo de elementos editados en galego, moi usados en moitas casas, e un elemento que nos vindeiros días adoitan agasallar moitos comercios e empresas de todo tipo”.
“Aínda que pareza que todo o mundo ten moi claro o nome dos meses e dos días na nosa lingua, a realidade demostra que non é así; neste sentido entendemos que esta medida pode beneficiar a divulgar as formas correctas na nosa lingua”, asegurou o nacionalista.
Asemade, estes elementos de uso cotiá poderían empregarse para fomentar o turismo local. “Son un xeito de divulgar e dar a coñecer os recunchos máis fermosos da Estrada, unha maneira de divulgar tamén turisticamente o noso concello, e non só entre os veciños e veciñas”, comentou.
O BNG propón que nesta iniciativa, ademais do Concello, participen os comercios interesados e, engade Reices, a súa distribución sería de balde.

Deixar un comentario