Manuel Magariños · PP da Estrada
No último pleno municipal, o señor Luis López Bueno cuestionou que eu opinase sobre a PO-2016, porque. segundo el, “non levo áreas que teñan que ver con Infraestruturas”.
Debe de ser que aínda non ten moi claro o que significa ser concelleiro nin o alcance dunha área como Reto Demográfico, que precisamente se encarga de vertebrar o territorio e garantir que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan as mesmas oportunidades.
E para iso fan falta servizos, vivenda, conectividade… e tamén infraestruturas seguras, que son as que permiten fixar poboación e mellorar a calidade de vida. Iso tamén é Reto Demográfico, e por iso teño tanto interese en todo o que afecta á vida diaria dos estradenses.
E si, eu opino sobre esa estrada, entre outras cousas porque paso por ela moitas veces. É a vía que me leva a Vinseiro, a parroquia na que nacín, na que medrei e na que teño máis que veciños: teño amigos, familia, recordos e compromiso. E como concelleiro, teño a obriga, e o orgullo, de velar polos intereses e pola seguridade de todos os estradenses, tamén dos que viven onde eu nacín. Para iso me elixiron, e ese é o sentido máis nobre da política local: defender o que un coñece e quere.
E dito isto, e pedindo de novo permiso por se alguén se sente ofendido, quero falar dun proxecto que simboliza moi ben o modelo de vila que queremos construír: a futura Carballeira de Melania.
A intención do goberno local é habilitar este espazo natural no corazón da vila, grazas á colaboración e xenerosidade dos veciños propietarios dos terreos, que permitirán a súa apertura temporal para o uso e gozo de todos. Será un novo pulmón verde, pensado para o paseo, o descanso e o encontro, un lugar onde volver escoitar o son da natureza sen saír do centro urbano.
A creación desta nova zona verde complementará outras actuacións que xa están a transformar A Estrada: a reforma en marcha da Praza da Farola, que gañará espazo para o peón e converterase nun punto de encontro moderno e accesible; a ampliación da Alameda; a recuperación da carballeira, onde se retirou o asfalto para devolverlle o seu carácter natural; a peatonalización das rúas máis céntricas, que devolven protagonismo á xente e non aos coches; e a reforma da Praza da Feira, onde se cambiaron os coches por árbores e o asfalto por terra compacta, devolvéndolle o espírito de praza aberta e de convivencia.
Todas estas accións comparten un mesmo obxectivo: facer de A Estrada unha vila pensada para vivir, pasear e respirar. Un lugar onde se poida gozar da vida diaria, quedar a conversar, levar os nenos a xogar ou simplemente sentarse á sombra. Unha vila que non se entende dende o cemento, senón dende a convivencia.
Este é o verdadeiro sentido de ser verde: gañarlle espazo ao asfalto co sentido común por bandeira. Crear lugares para as persoas, sen máis impostos, sen complicarlle a vida á veciñanza e sen discursos baleiros.
Porque o verde tamén é futuro: é saúde, é identidade, é orgullo de vila. E cando un espazo como a Carballeira de Melania se abre á cidadanía, non só se crea un parque: créase tamén un sentimento de pertenza, un motivo máis para quedar.
Como dicía Antón Fraguas, “a terra non é nosa, nós somos dela”. E talvez esa é a mellor maneira de entender o que estamos a facer: devolverlle á terra, e á vila, o espazo que lle corresponde, para que volva ser vivida, sentida e compartida.
Non é casualidade que o recente estudo do Instituto Nacional de Estatística (Urban Audit 2024) sitúe A Estrada entre as cidades máis accesibles e seguras de España para vivir, con alugueiros dos máis baixos do país e unha das menores taxas de infraccións penais. Ese recoñecemento non se logra por sorte: é o reflexo dun modelo de vila que aposta pola calidade de vida, o equilibrio e o benestar da súa xente.
Opinar sobre o que queremos para A Estrada non é meterse onde non toca, é implicarse no que importa. E iso é o que me move: facer da nosa vila un espazo onde vivir ben e con orgullo.



Deixar un comentario