A Estrada aumentará en 1,7 millóns o seu orzamento

A Estrada aumentará en 1,7 millóns o seu orzamento

Superará os 19,4 millóns de euros | O SAF recibirá 1,7 millóns | Non se inclúen os fondos europeos, que se asumirán a través dun crédito

O concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco, ofreceu este martes un avance do que serán os orzamentos para o ano 2026. O primeiro que chama a atención é que ascenderá ata os 19.456.000 euros ou, o que é o mesmo, contaráse con 1,7 millóns de euros máis ca o previsto para este 2025.

Nos ingresos, os impostos directos aportarán 5.028.000 euros, dos que 3,5 millóns son do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana, 76.000 euros correspóndense ao IBI rústico e, 112.000 euros, ao IBI de características especiais.

Por impostos indirectos recaudaránse 600.000 euros polo Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). En canto ao apartado de taxas e prezos públicos, prevése un ingreso de 2.885.438 euros, do que 1 millón correspóndese ao Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e 230.000 euros ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).

Do capítulo de transferencias correntes prevese conseguir 10.089.173 euros a través da participación en tributos do Estado (6.804.500 euros) e da participación nos ingresos da comunidade autónoma (1.477.000 euros).

Gastos

En canto aos gastos, o apartado de persoal recibirá 7.296.188 euros, mentres que os gastos correntes en bens e servizos contará con 9.151.398.

Á prestación e mantemento dos servizos públicos básicos destinaránse 6.676.078 euros, dos que 1,85 millóns correspóndense á seguridade pública, tanto a través do servizos da Policía Local (963.322 euros), como de Protección Civil (385.535) ou de prevención e extinción de incendios (504.158).

Neste apartado tamén se recollen as previsións de gasto para o abastecemento domiciliario de auga potable (384.036€), a recollida de residuos (899.132) e o seu posterior tratamento (600.000) e para a iluminación pública (1.064.426).

Os Servizos Sociais, que como xa foi anunciado serán unha parte importante dos orzamentos, contarán con 4.280.044 euros. Deles, 3,57 millóns son da propia base do servizo, aos que se lle suman os programas para determinados sectores poboacionais (416.936), a actividade vencellada ao Centro de Información á Muller (CIM) (63.588 euros), a prevención de drogodependencias (49.894) ou programas vencellados ao fomento do emprego (177.110), entre outros.

“O equipo de goberno vén facendo, ano tras ano, unha aposta decidida polo incremento das actuacións en protección e promoción social, con especial incidencia na atención a persoas maiores e cidadáns en situación de vulnerabilidade”

Alberto Blanco, concelleiro de Economía e Facenda

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) contará con 1,7 millóns. Iso significa que, desde 2011, cando só se destinaban 400.000 euros, o investimento neste servizo incrementouse un 325%.

3.307.103 euros estarán adicados aos bens públicos de carácter preferente. En materia de Educación figuran 1,34 millóns de euros para o funcionamento de centros docentes de educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como para entidades formativas como o Conservatorio ou a Escola de Música. Os programas de Cultura e Deporte tamén contarán cunha partida propia, de 737.000 e 638.000 euros, respectivamente.

Do mesmo xeito, as actuacións de carácter económico contarán con 1.153.006 euros. 828.878 euros destinaránse á administración xeral de infraestruturas; preto de 91.000 para comercio; 90.000 para desenvolvemento empresarial ou os máis de 58.000 para información e promoción turística, entre outras.

O capítulo de investimentos reais increméntase considerablemente, pois pasa de pouco máis de 400.000 euros neste 2025 a máis dun millón en 2026. Entre as previsións figuran partidas para mantementos de vías públicas, obras na nova zona verde da Carballeira de Melania (200.000 euros); acometidas de auga no desdobre da traída do Umia (121.000); melloras no centro de saúde de Oca (77.500); obras nos pavillóns dos colexios de Oca, Codeseda de Pérez Viondi (75.000) ou novos alumeados (75.000), entre outras.

Non contemplan o plan EDIL

Estes orzamentos, que se prevé aprobalos en pleno o vindeiro mes de decembro, non contemplan os fondos europeos, dos que o Concello ten que asumir 4 dos 10 millóns aceptados. Faráo recorrendo a unha operación de crédito para non tensionar a estabilidade orzamentaria.

“O que se pretende con estes orzamentos é cumprir cos servizos públicos, que sexan sostibles, e investir no apartado social, que para o goberno é prioritario. A isto engadimos investimentos que faciliten e melloren a vida dos estradenses”, resumiu Alberto Blanco.

Imaxe de portada: Alberto Blanco e Gonzalo Louzao // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario