A Estrada ten un campión de España de fútbol sala

A Estrada ten un campión de España de fútbol sala

Esta fin de semana a Asociación Aspas de Santiago de Compostela proclamábase vencedora dos Special Olympics, unha competición de fútbol sala nacional que se celebrou en Ourense. Facíano no nivel 2 dun total de 4, ao que chegaron tras unha ronda para coñecer o nivel de cada equipo e en que categoría ían competir.

Foron catro días de competición nos que participou o estradense Alejandro Carballo, o único da asociación. Picheleiro de orixe, estradense dende hai cinco anos, forma parte da asociación dende o 2000.

“Foi unha experiencia boa, coñecín bos amigos”, asegura. A iso súmaselle que é o primeiro título de importancia que gaña a asociación desde 2004. “É como se fose unha Copa do Rei”.

Equipo de Aspas // cedida

Esta victoria tivo un significado especial para Alejandro Carballo, pois “viña dunha operación e non contaba con estar alí”. Na súa categoría xogaron contra Canarias, Aragón, Chamorro e ASPNAIS e na final enfrontáronse aos canarios. “Cando gañamos a Canarias rompín a chorar, veume todo o que pasou no hospital”.

A vitoria, comenta, foi unha sorpresa, pois “non pensabamos en chegar a este nivel”. “Os adestradores e eles [os xogadores] son uns fenómenos, estou orgulloso deles”, engadiu.

Aínda que o ouro foi un gran agasallo, tamén destaca outro igual de importante: “gañar está ben, pero tamén é importante socializar”.

Actuación de Lucía Pérez no Special Olympics // cedida

Ademais deste campionato, participaron noutro en Castellón coa Selección Galega, onde quedaron segundos, e compiten na liga da Coruña con outros centros. Nesa liga xoga o Prodeme (Monforte de Lemos), a quen consideran “o Real Madrid”.

Do mesmo xeito, gústanlle outros deportes, como o baloncesto — no que “prácticamente somos os mesmos” ca en fútbol sala –, natación, xadrez, ping-pong, bádminton ou o rugby, deporte que xa deixou de practicar. Na natación, onde a súa especialidade é de costas, tamén destaca. Foi segundo de España e o seu seguinte reto é completar dous largos en competición.

Por outra banda, entre as súas afeccións tamén se atopan ler, a música e debuxar.

Imaxe de portada: Alejandro Carballo no Special Olympics Galicia // cedida

Comentarios

Unha resposta a “A Estrada ten un campión de España de fútbol sala”

  1. Avatar de Alejandro Carballo segue sumando metais – Xornal da Estrada

    […] hai dúas semanas proclamouse campión de España de fútbol sala en Ourense, unha vitoria que fora unha sorpresa para o equipo. Ademais, ten sido subcampión de España de […]

    Gústame

Deixar un comentario