A Rúa San Paio quedou pechada ao tráfico na tarde deste xoves para comezar a reforma do tramo da rúa que abrangue desde o seu inicio na Praza de Galicia ata o cruce con Marqués Vega de Armijo. Deste xeito, dende a rotonda da coñecida como Praza da Farola só se poderá acceder ás rúas Pérez Viondi, Peregrina e O Cruceiro.
Igualmente, queda prohibido o estacionamento na Rúa San Paio. Só os usuarios de garaxes poderán acceder a esta rúa cos seus vehículos, tendo que facelo en sentido contrario ao que se circula habitualmente. É dicir, para entrar nos garaxes accederán desde o semáforo da intersección con Gradín e sairán desa rúa polo mesmo punto.

Do mesmo xeito, os contedores do lixo da Rúa San Paio trasladáronse de forma temporal á Praza de Galicia e colocouse unha valla na intersección entre Benito Vigo e Pérez Viondi para informar deste cambio no tráfico estradense.
Imaxe de portada: sinalización co peche da rúa // Concello da Estrada


Deixar un comentario