Parecidos razoables

Parecidos razoables

Luis López Bueno · PSOE

O Goberno da Estrada e o Servizo de recollida de lixo teñen un gran parecido. Se funcionaran ben, non habería problema porque é o normal; pero como funcionan malísimo, teñen unha necesidade inaprazable de mellorar.

O Goberno Local está inmerso nunha fuxida cara adiante na xestión da servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. Somos uns espectadores privilexiados nesta cadea de despropósitos que suma e segue, e que parece non ter final.

A xestión do servizo de recollida de lixo é unha competencia municipal que se leva con certa normalidade en case todos os concellos. É un servizo moi regulado e, polo tanto, non hai solucións máxicas, todo está inventado. Como xa sabes, na Estrada somos un Concello especial onde nada é o que parece, somos diferentes a todos, e non necesariamente para ben.

Por poñer un pouco de contexto, en abril de 2024 conformouse o novo equipo de goberno. Gonzalo Louzao, de alcalde e máximo responsable, e Óscar Durán, como reemprazo do fuxido Juan Constenla, que non quería ter a Gonzalo de xefe.

O novo Concelleiro de Servizos Públicos iniciou un plan para sacar adiante o novo contrato do servizo de recollida de lixo. Alberto Blanco dixera que ese contrato nos ía aforrar moitos cartos: tocaba poñerse niso.

Segundo manifestou o propio Durán, despois de tres intensos meses de reunións, deuse conta de que ía ser totalmente incapaz de sacar adiante ese contrato polos seus medios (nin sequera con 130 traballadores e traballadoras municipais ao seu servizo). Só lle levou tres meses chegar a esta conclusión, bastante ben para a velocidade de tartaruga deste equipo de goberno.

Unha vez que o Concelleiro de Servizos Públicos comprobou que non é capaz de executar as funcións que se lle encomendaron, chegou unha nova idea revolucionaria: contratar unha consultora por 13.854,50 euros para que faga o traballo do Goberno. Que máis dá? Total, pagámolo entre todos coa suba do IBI, por exemplo.

Estes traballos de redacción do prego de contratación tiñan unha data límite de entrega (30/07/2025) que non se cumpriu. Sancionaron a esa empresa igual que intentaron facer co esperpéntico catering que contrataron para a Festa do Maior? Eu creo que non. O caso é que deses pregos e desa contratación non hai ningunha nova. Durán continúa sen facer o seu traballo.

Esta semana volveu a darse un anuncio milagreiro. Reunión en Caldas para prestar o servizo en conxunto. Se contratamos unha empresa por 14.000 euros para facer uns pregos para A Estrada, a santo de que imos a esa reunión? Non era que iamos aforrar moitos cartos co novo contrato? Non era que iamos ser supereficientes? Non era que a final de ano ía estar adxudicado? Non era que nos van meter na Mancomunidade do Deza para que veña a gobernarnos Lalín? Son moitas preguntas sen resposta convincente.

Todo isto non o digo eu, pódese comprobar na hemeroteca. Díxoo Óscar (ou se cadra díxoo a Xefa de Prensa porque lle pareceu a ela, que para iso Gonzalo lle paga cos nosos cartos).

Dito todo isto, a miña opinión é que A Estrada non ten plan de ningún tipo para o servizo de recollida de lixo. Estamos pendentes de que este goberno tan eficaz nos pase o plano de illas de recollida e as rutas e frecuencias que fará o camión. Non espero moita axilidade, se tardaron 3 meses en darse conta de algunhas cousas, seguro que lles toma o seu tempo darlle a un botón.

A nova distribución dos contedores é un escándalo. Eliminaron as illas que existían e que estaban ben situadas, para movelas e deixar sen servizo fácil á residencia de maiores que foron visitar esta semana, complicarlle a vida aos veciños e veciñas de máis idade… Non facilitan a reciclaxe para os veciños e veciñas, só facilitan a ruta do camión.

Puxéronnos contedores de recollida de envases que son de segunda man! Seguramente o anterior propietario se deu conta de que apenas colle unha bolsa de supermercado por esa boca que traen. Pero na Estrada, como che dicía antes, somos moi especiais. Diferentes. Peores que o resto.

Ademais, este goberno non fixo ningún caso das propostas que fixemos dende o PSOE. Nin instalaron composteiros comunitarios cando os pagaba a Deputación (para enviar menos toneladas a SOGAMA e aforrar 800.000 euros de canon nos últimos anos), nin melloraron as frecuencias de recollida, nin sequera tiveron a decencia de apoiar a nosa moción contra a suba do canon de SOGAMA (que pasou de cobrarnos 79,86 euros por tonelada a 130,68).

E que estará facendo mentres tanto o máximo responsable do Concello? Pois pódelo comprobar nas redes sociais. Recoñezo que me fixo moitísima gracia o mote de Mortadelo que lle puxo un usuario en Cousas da Estrada, por continuar cos parecidos razoables. Tal cual, clavouno. Pola miña banda, fágolle unha proposta á Editorial Galaxia, coa que o Concello ten unha fantástica relación. Que saquen unha serie de contos parecida a Teo: Gonzalo vai á residencia, Gonzalo é bombeiro, Gonzalo recolle mazá, Gonzalo obreiro na autovía… Unha pena que non viramos a Gonzalo operario de RSU. Menos xestionar o Concello, fai de todo!

É normal que queira ensinarlle a todo o mundo o seu xoguete, foi un regalazo de José e agora ansía que todos o vexamos “exercendo”.

Respecto da recollida do lixo non vin foto ningunha. Fíxoseme rarísimo non ver a Gonzalo metido nun dos flamantes contedores amarelos para demostrar a súa “maior capacidade de 1.800 litros”. Debería tirarlle das orellas ao seu servizo persoal de prensa e fotos, deixaron escapar unha oportunidade única.

O suposto “Plan, guste máis ou menos” do Sr. Durán é un desastre. Non é un plan, son paus de cego. Nós seguimos dicindo o mesmo: Composteiros para aforrar cartos no canon, e destinar ese aforro a mellorar as frecuencias de recollida; poñer máis contedores nas parroquias e crear un servizo de xestión de residuos para a industria. Son propostas bastante concretas e realistas, só habería que aplicalas.

Comentarios

Deixar un comentario