Un falecido e unha ferida grave nun accidente en Cuntis

Un falecido e unha ferida grave nun accidente en Cuntis

Ás 18.01 horas deste xoves un vehículo articulado e un turismo colidiron frontalmente na N-640 ao seu paso por Troáns (Cuntis). No sinistro víronse implicadas tres persoas – o condutor do vehículo articulado, que resultou ileso, e a condutora e o acompañante do turismo, que resultaron ferida grave e falecido no lugar dos feitos, respectivamente. Os ocupantes do turismo empregaban o cinto de seguridade.

A muller tiña 82 anos de idade e o varón, 89. Ambos son de Cambados. Ambos tiveron que ser excarcelados como consecuencia do impacto.

No momento de redacción desta noticia, informan desde o Concello de Cuntis, estábanse a producir retencións quilométricas na N-640. Ata o punto desprazáronse efectivos de Emerxencias A Estrada, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil.

Imaxe de portada: sinistro mortal en Cuntis // cedida

Comentarios

Deixar un comentario