Emesports, a empresa de montaxe de infraestruturas e servizos para probas deportivas fundada polo exciclista profesional Ezequiel Mosquera e que ten a súa sede no Pedregal (A Estrada), será a organizadora da 87ª Volta a Portugal, 52ª Volta ao Algarve e 43ª Volta ao Alentejo, tres das principais competicións ciclistas de Portugal.
O anuncio fíxoo este xoves a Federación Portuguesa de Ciclismo (FPC), responsable de ditas probas. Do mesmo xeito, chega despois de que finalizaran de xeito anticipado o contrato que tiñan con Podium Events, anterior organizadora destas probas, polo “incumprimento reiterado das súas obrigas financieiras”, segundo a FPC.
Desde a federación confían na empresa de Ezequiel Mosquera para reforzar o “atractivo e o posicionamento das tres probas”, algo que conseguiu Emesports coa competición que creou, O Gran Camiño, que en pouco tempo logrou atraer a grandes líderes internacionais, como Alejandro Valverde (gañador da primeira edición) ou Jonas Vingegaard (gañador de dous Tour de Francia e de dúas edicións da proba galega), ademais de convertela nunha carreira coñecida internacionalmente e innovadora.
“Emesports reune a experiencia, a credibilidade e a visión internacional que buscamos para as nosas competicións”, comentou Cândido Barbosa, presidente da Federación Portuguesa de Ciclismo. Engadiu que, aínda que este acordo só é para 2026, “poderáse estender no tempo no caso de que este primeiro ano confirme o seu potencial”.
Mosquera asegurou que “asumir un desafio desta dimensión é, para nós, unha enorme responsabilidade, máis tamén un gran orgullo”. Engadiu que “a Volta a Portugal, pese a ser unha proba singular e con case un século de historia, foi perxudicado polo actual sistema de puntuación [das carreiras establecido pola Unión Ciclista Internacional]”, algo do que tamén ten falado como organizador do Gran Camiño.
Finalizou a súa intervención nunha rolda de prensa en Portugal demostrando o seu interese en facer o mellor ciclismo para o país luso dende A Estrada. “Queremos contribuír para facer unha proba máis moderna, máis competitiva e máis aberta ao mundo”, concluíu.
Imaxe de portada: Ezequiel Mosquera nunha entrevista co Xornal da Estrada en febreiro // Xornal da Estrada

Deixar un comentario