O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, reaccionou á aparición de humidades e goteiras no novo edificio xudicial da Estrada. “As imaxes falan por si mesmas e esixen unha resposta inmediata”, asegurou en relación ás fotografías publicadas por varios medios amosando pintura caída, madeiras ennegrecidas pola humidade e charcos nos calabozos, ademais de paredes e madeiras que foron pintadas despois da inauguración por ese motivo.
“Resulta evidente que nin a consellería nin o Concello executan a obra, así que o feito de que houbese un problema de filtracións, polos motivos que sexan, excede das responsabilidades e, seguramente, do coñecemento da administración ata o de agora”, apuntou Gonzalo Louzao. “En todo caso, o que si corresponde é esixir responsabilidades ás adxudicatarias, porque calquera pode entender que unha obra que non chegou a estrearse non pode estar nestas condicións”, engadiu.
O mandatario confirmou que xa se puxo en contacto coa Dirección Xeral de Xustiza e que “a Xunta vai actuar e esixirá responsabilidades á empresa”.
“Non é nada sorprendente que aparezan problemas cando se executa unha obra desta envergadura. Calquera o pode comprobar mesmo a nivel doméstico. É algo asumible e estamos moi a tempo de pedir que, a quen lle corresponde poñer solución, o faga de xeito áxil e efectivo”, apuntou o alcalde da Estrada. “Para iso están os prazos e as garantías”, apostilou.
Louzao pediu que este problema non desvíe a atención do “valor que ten o que supón esta obra”. “Pasamos a ter na Estrada unhas instalacións de primeiro nivel para usuarios e traballadores, que poñen fin a unha situación anómala na que dúas salas xudiciais dun mesmo partido estaban en sedes diferentes”, sinalou Louzao Dono. “Temos que lembrar, ademais, que a construción deste edificio xudicial supón, por si mesmo, o respaldo ao propio partido xudicial que capitaliza A Estrada. Non esquezamos que quedou reducido a só dous municipios: A Estrada e Forcarei. A aposta que fixo a Xunta construíndo este edificio é un aval para nós na planta xudicial e iso convén telo tamén presente”, concluíu.
Imaxe de portada: Louzao na inauguración dos Xulgados // Concello da Estrada


Deixar un comentario