Transportes quere licitar a mellora da N-640 nos vindeiros meses

Transportes quere licitar a mellora da N-640 nos vindeiros meses

Esta semana o alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, mantivo unha reunión co subdelegado do Goberno, Abel Losada, para abordar a mellora da N-640 e a posibilidade de que se poida renovar o DNI en Cuntis.

En relación coa N-640, Losada informou ao rexedor de que o proxecto de asfaltado integral, valorado en 12,4 millóns de euros, atópase “moi avanzado e que hai vontade do Ministerio de Transportes de licitalo nos próximos meses”, segundo informou o Concello de Cuntis nunha nota de prensa. “A obra vai consistir nunha reparación moi exhaustiva da capa de rodadura entre os PQ 190 e 223, é dicir, entre o límite con Caldas de Reis e o alto de Xindiriz”, detallou o ente local. O mandatario e o subdelegado quedaron en facer  un seguimento dos avances no proxecto.

Por outra banda, o comisario xefe provincial, Juan José Díaz, presente nesa reunión, comprometeuse a estudar a petición de que a furgoneta da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e do pasaporte, a VIDOC, preste os seus servizos no concello unha vez cada dous meses.

Campos Velay insistiu en que “sería unha medida  especialmente beneficiosa para a veciñanza dun concello rural coma o noso,  evitando desprazamentos, sobre todo entre as persoas maiores, e que contribuiría a equilibrar os servizos con outros concellos de maior poboación”.

Imaxe de portada: A N-640 na Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario